A Asociación Ambar recibe V Premio Begoña Caamaño de acción cultural pola igualdade

Premiase unha traxectoria de 40 anos que usa da cultura e a arte como ferramentas contra a discriminación

Premiase unha traxectoria de 40 anos que usa da cultura e a arte como ferramentas contra a discriminación
Reunión do xurado Foto: Deputación da Coruña
Un xurado composto polas xornalistas Carmen Merelas Rico, Rebeca Munín Oliveira, María Obelleiro Hermida e Fernanda Tabarés co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria decidiu outorgar por unanimidade o V Premio Begoña Caamaño de acción cultural pola igualdade convocado pola deputación provincial da Coruña á Asociación Ambar pola utilización da cultura como ferramenta para a integración e a eliminación das desigualdades. A Asociación Ambar traballa desde hai case 40 anos co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional, promovendo a súa independencia e igualdade de oportunidades na comarca da Barbanza. Coa a súa actividade perseguen romper barreiras, prexuízos e desigualdades coas que se atopan, evitando perpetuar estereotipos a través de proxectos innovadores que traballan directamente con todos os sectores, moitos deles coas artes como ferramenta de especial interese.

Ambar aposta así pola cultura e a arte para a integración e a eliminación de discriminacións e, así, no ano 2015 naceu o grupo de artes escénicas, que a día de hoxe está integrado na súa totalidade por mulleres. O xurado deste premio dirixido a premiar a traxectoria e/ou o impacto social de proxectos, iniciativas, entidades e persoas polo seu traballo no campo cultural en relación á promoción da igualdade de xénero, destaca da entidade o "labor que desenvolve desde hai 40 anos para rachar coa dupla discriminación que representa ser muller e ter diversidade funcional, desde un ámbito comarcal e con ferramentas innovadoras afastadas do paternalismo e promovendo a autonomía e a igualdade desde o asociacionismo de base". Nas anteriores edicións recibiron o Premio Begoña Caamaño a compañía A Panadaría na cuarta edición; o Observatorio da Mariña pola Igualdade na terceira; Elas tamén Pintan e Implicadas no desenvolvemento na segunda e a Libraría de Mulleres Lila de Lilith na primeira. O premio está dotado coa cantidade de 6.500 euros.