A dramaturxia contemporánea ten colección de seu en Galaxia

A editorial inicia tamén outra colección de ensaio de actualidade que inaugura un libro do xornalista Lois Oreiro

A editorial inicia tamén outra colección de ensaio de actualidade que inaugura un libro do xornalista Lois Oreiro
O volume Papiroflexia de Fernando Castro Paredes, inaugura a colección 'Teatro' coa que a editorial Galaxia pretende dar acubillo editorial á creación dramatúrxica contemporánea galega coa idea de que esta nova colección se converta en "canteira e espazo destacado" para estes creadores. A nova colección, que chega estes días ás librarías, recolle o espírito da Editorial Galaxia nos seus inicios: ser fogar dos grandes dramaturgos do momento, como no pasado foino de autores como Castelao, Daniel Cortezón ou Euloxio Ruibal. Papiroflexia continúa a obra dramática de Castro Paredes que xa publicara A derradeira bala (Premio Roberto Vidal Bolaño 2018) na Editorial Galaxia. Próximamente, Cándido Pazó sumarase á serie con Os fillos do sol.

'Teatro' é a última colección que Galaxia vén de estrear este ano, despois de 'Memoria Histórica' e a máis recente 'Hoxeéhoxe', esta última ofrecendo un lugar destacado para o ensaio de actualidade. O libro do xornalista Lois Oreiro Os mundos de agora dá comezo á colección 'Hoxeéhoxe', dedicada a ensaio sobre temas de actualidade. A colección publicará ao longo do ano propostas ensaísticas de carácter moi actual, na idea de poder ofrecer ao público lector galego textos para a reflexión e para a compresión do noso día a día. En Os mundos de agora Lois Oreiro reflexiona sobre o concepto de "transhumanidade" e que ten que ver con ese ser humano pegado ás pantallas e, pouco a pouco, tamén el, dixitalizado. O libro explica como as fronteiras entre o dixital e o humano vanse adelgazando día a día, co cal é posible o nacemento dunha nova realidade humana, tecnificada incluso no propio corpo (implantes cerebrais, no propio organismo…) e que vai ter repercusións claras na economía e na saúde.