Julia Lago gaña o XVI Premio Castelao de banda deseñada

A súa obra Nós Seis aborda a vida dunha nena nun internado franquista a partir dunha historia real

Páxina de Nós Seis. Fonte: Deputación da Coruña
Páxina de Nós Seis. Fonte: Deputación da Coruña
Nós Seis e o título da obra coa que Julia Lago se facía, este 15 de xuño XVI Premio Castelao de banda deseñada. A primeira obra longa desta autora da Coruña valeulle o galardón, dotado con 6.500 e a publicación da obra. A BD recrea a historia da propia avoa da autora como nena ferrolá que viviu nun internado do franquismo dos anos cincuenta. Segundo apunta Lago, con este traballo quere contribuír a "tomar conciencia do valor do traballo e da rebeldía de persoas como Mercedes, que non se dobregaron baixo normas opresivas e misóxinas, e conseguiron, grazas á súa resistencia, que hoxe en día sexan consideradas como o que son: represoras, machistas e alienantes", ademais de "coñecer os piares sobre os que están construídos os valores arraigados na sociedade española (machismo, pudor, complexos)".

O xurado, que tomou a decisión por unanimidade, estivo composto por Manuel Pena, Matilde Rodríguez, José "Pío" Barreiro e os gañadores da edición anterior Begoña García-Alén e Andrés Magán, co deputado de Cultura Xurxo Couto como presidente e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria. No fallo sinalan que a Nós seis "destaca por ter un tratamento maduro, unha composición fluída e ben secuenciada a través dun debuxo de síntese moi efectivo" e apuntan que "é unha reflexión sobre a represión durante a ditadura que supón un exercicio moi necesario de memoria histórica, baseado nunha historia real".

Segundo explica Lago "o título fai referencia ao nome que as monxas lle atribuían ao grupo de amigas" da súa avoa "que tiñan libros, cadernos e pupitres decorados coas iniciais `NS´. Estas iniciais convertidas no seu selo, ocultaban en realidade unha sublevación secreta que facía referencia ao Non Serviam de Lucifer".