Chévere convida a coñecer Vite co seu Dramawalker

Os audios do percorrido ficcionado polo barrio compostelán están dispoñibles no web do Centro Dramático Nacional

Os audios do percorrido ficcionado polo barrio compostelán están dispoñibles no web do Centro Dramático Nacional
Ilustración do Dramawalker Vite. Fonte: Centro Dramático Nacional
Este domingo 13 de xuño Santiago de Compostela acollía a estrea da última produción dramática do Grupo Chévere. Dramwalker Vite propón un paseo autoguiado mediante ficcións sonoras que convida a facer o percorrido desde o casco histórico ata o barrio de Vite. O proxecto, que fai parte da iniciativa Dramawalker do Centro Dramático Nacional, ten contrapartidas noutras localidades do Estado e conta co apoio do Centro Dramático Galego.

Un paseo colectivo inaugural no que membros da compañía explicaron as peculiaridades desta produción serviu de presentación ao proxecto. Ademais, o web do Centro Dramático Nacional publicou a totalidade dos audios xeolocalizados que permiten a calquera persoa participar pola súa conta desta experiencia. En total son dez cortes artellados en cinco escenas "feitas a partir de historias recollidas da veciñanza e asociadas a distintos lugares do barrio. Pódelas escoitar desde calquera sitio, pero se estás en Vite moito mellor. Por iso indicamos os espazos nos que se sitúa cada historia", explica a compañía, que convida a "mergullarse nos relatos que retratan a súa memoria urbana".



"A cidade simbólica non deixa ver a cidade real" dá comezo á xeira falando do percorrido ata o barrio desde o centro histórico. A este segue o relato "Espírito do bosque", de Carlos Santiago, artellado en tres capítulos. Paula Carballeira asina "Sinfonía de Vite en 4 movementos veciñais" mentres Manuel Cortés correu co texto de A Ponderosa e Esther F. Carrodeguas fixo a dramaturxia de "O monumento".

Achegan as súas voces ao proxecto Miguel Varela, Ricardo de Barreiro, Arantza Villar, Daniel Baamonde, Eduardo Rodriguez Cunha "Tatán", Manuel Cortés, Xron, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Miguel de Lira. O proxecto desenvolveuse en diálogo con diferentes colectivos do barrio como a Asociación de Veciños Polígono de Vite, o Centro Socio Cultural José Saramago, a Coordinadora do Barrio de Vite, o Plan Sociocomunitario de Vite ou o proxecto de memoria Vite Arquiva.