A Nova York que Cela viu e non chegou a contar

O CGAC presenta a exposición 'Nueva York Amarga' sobre o libro inconcluso do escritor con fotografías de Carles Fonseré

O CGAC presenta a exposición 'Nueva York Amarga' sobre o libro inconcluso do escritor con fotografías de Carles Fonseré
O Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago acollerá desde este venres e ata o 26 de setembro a exposición Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga, comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polo catedrático de Historia da Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo. Este proxecto expositivo creado a partires dos fondo do arquivo fotográfico de Camilo José Cela adquirido en 2016 polo CGAC busca reconstruír a historia do libro inconcluso Nueva York Amarga, que Cela iniciou co obxectivo de retratar a cidade norteamericana en base ás fotografías realizadas por Carles Fontserè (Barcelona, 1916 - Girona, 2007) e ás cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións do catalán sobre a cidade que xuntaba ás fotografías. O libro non se chegou a publicar xa que o autor apenas escribiu cinco textos moi breves correspondentes a outros tantos capítulos, cuxos manuscritos se conservan hoxe no arquivo da Fundación Camilo José Cela en Padrón.

Autoría de Carles Fonseré


Na mostra poderán contemplarse tanto eses manuscritos orixinais de Cela como unha selección de 140 destas fotografías das 312 imaxes en branco e negro, que o fotógrafo catalán lle enviou ao escritor en varias quendas, desde 1966, logo dunha viaxe de Cela a Nova York, e ata 1971, cando envía unha última fotografía na que aparece retratado un grupo de mafiosos italianos en plena rúa. A estrutura da exposición segue rigorosamente o esquema ideado por Cela, a modo de índice, para articular o libro, un total de 28 capítulos cuxos títulos suxiren imaxes vivas da cidade e da súa xente, acompañados cada un deles dunha listaxe de fotografías de Fontserè. A exposición pretende reconsiderar a historia deste proxecto non realizado pondo en relación as fotografías enviadas por Fontseré a Cela e as cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións de Fontserè sobre Nova York, que este xuntaba ás fotografías. Segundo o folleto de rpesentación, a estrutura da exposición segue rigorosamente o esquema ideado por Cela, a modo de índice, para articular o libro. Son en total 28 capítulos, cuxos títulos suxiren imaxes vivas da vida da cidade. En cada capítulo, Cela inclúe unha listaxe de fotografías de Fontserè. Ás veces - explican- trátase dunha soa fotografía, noutras ocasións, como ocorre no capítulo titulado "Negros, negros, negros, negros, negros...", poden chegar ata un total de vinte e seis.

Autoría de Carles Fonseré

Seminario 'Cela: palabra e imaxe'
Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga trae consigo a celebración –tamén no propio CGAC– do seminario Cela: palabra e imaxe, organizado pola Universidade de Barcelona. Este congreso contará coa participación de reputados expertos na figura do Nobel tanto das universidades de Santiago e A Coruña como da propia Universidade de Barcelona, da Universidade Camilo José Cela (Madrid) e da Fundación Camilo José Cela. O folleto da exposición inclúe a comunicación que o profesor Adolfo Sotelo preparou para o dito seminario. A mostra poderá visitarse no CGAC desde este venres 4 de xuño ao 26 de setembro. O seminario Cela: palabra e imaxe celebrarase no Auditorio deste mesmo centro os días 4 e 5 de xuño. Haberá visitas guiadas de balde cada fin de semana e realizadas por mediadoras especializadas en arte contemporánea, que se levan a cabo no CGAC todos os domingos ás 12,00 h.