Nova Galega de Danza acada sete candidaturas nos Premios Max

Fariña opta a cinco galardóns e outras catro producións galegas tamén entran na lista de candidaturas desta edición

Fariña opta a cinco galardóns e outras catro producións galegas tamén entran na lista de candidaturas desta edición
Imaxe promocional de Leira, de Nova Galega de Danza
Os premios estatais das artes escénicas na súa XXIVª edición veñen de facer pública a lista de candidaturas admitidas para as 20 categorías que contemplan. De entre os 438 espectáculos aceptados a concurso, só 191 veñen de ser seleccionados polos tres xurados territoriais (Madrid, Cataluña e Comunidades) designados polo Comité Organizador. Seis destes 191 son espectáculos galegos e entre todos eles suman ata 17 candidaturas nesta fase dos Premios Max de las Artes Escénicas. A compañía Nova Galega de Danza, co seu espectáculo Leira é a máis presente e opta a sete dos premios, incluíndo o de Mellor espectáculo de Danza, mellor coreografía, mellor labor de produción, mellor intérprete feminina de danza para Inés Vieites e o masculino para Iván Villar o deseño do espazo escénico e a música (Sergio Moure de Oteyza) tamén están entre as candidaturas da montaxe. Como espectáculo teatral, Fariña, de Ainé Producións, é a montaxe galega máis destacada con cinco candidaturas nos galardóns convocados pola SGAE. A obra baseada no libro de Nacho Carretero competirá como Mellor Espectáculo de Teatro, mellor adaptación ( a cargo de José Luís Prieto e o propio Nacho Carretero), Mellor labor de produción; o director da montaxe, Tito Asorey é tamén candidato polo seu traballo e a actriz María Vázquez é candidata tamén á interpretación feminina.

A presenza galega nesta fase dos galardóns a completan as candidaturas de outras catro montaxes ou aqueles que nelas participan. Bernarda (Vilalba, 1975), da compañía Malasombra, ten unha candidatura a Mellor espectáculo de teatro. A autoría colectiva da montaxe DAIMON y la jodida lógica de Matarile teatro compartida entre outros por Ana Vallés, Baltasar Patiño, Ignacio Sanz Santas e Nuria Sotelo opta tamén ao galardón nesa categoría de autoría teatral e a directora Ana Vallés tamén na de dirección de escena. Como nomes propios da escena galega tamén hai que celebrar a candidatura de Avelino González como Mellor actor polo seu papel en O mel non caduca, de Ibuprofeno teatro. O deseño escénico da montaxe de Butacazero 32m2 consegue meter a Beatriz de Vega na lista de candidaturas. Ademais deles hai que engadir a repaso da presenza galega nas candidaturas á escritora de orixe galega Arantza Portabales (San Sebastián, 1973), que parece nas candidaturas a Mellor autoría teatral pola montaxe vasca Deje su mensaje después de la señal / Utzi zure mezua seinalearen ondoren, un texto traducido pola autora ao galego e editado por Galaxia en 2017. Tras desta primeira fase de selección, un tribunal formado polos tres presidentes dos xurados territoriais, catro personalidades das Artes Escénicas e un membro do Comité Organizador, decidirá os finalistas das 20 categorías. O gañadores coñeceranse na gala de entrega dos Premios Max o 4 de outubro no Teatro Arriaga de Bilbao.