A Mostra de Cangas ofrecerá 20 espectáculos en dez días

Homenaxeará a Xosé Manuel Pazos e recollerán premios honoríficos Camilo Franco e Margarita Ledo

A 38ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), comezará no primeiro día do mes de xullo e durante dez xornadas fará da capital do Morrazo o epicentro do teatro en Galicia. Máis de 20 espectáculos do mellor teatro cómico feito dentro e fóra de Galicia poderán verse eses días segundo o programa que ven de ser presentado onte. Entre os seus atractivos a MITCFC actuará de novo como plataforma de presentación e acollerá 4 estreas absolutas, unha estrea en España e nove estreas en Galicia, entre estas últimas, dúas obras que recibiron en 2020 Premios MAX. O actor moañés Fran Paredes será o encargado de facer o pregón da Mostra o venres 2 de xullo. Esta edición da MITCFC, cuxo cartel é obra do pintor, ilustrador, actor e director teatral Leandro Lamas, comezará o día 1 de xullo coa inauguración dunha exposición documental e unha homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, alcalde de Cangas finado en xaneiro deste ano que formou parte do grupo creador e impulsor da propia mostra trinta e oito anos atrás.

Outro dos nomes propios da XXXVIII MITCFC é o de Camilo Franco. A organización concédelle este ano o Premio Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral, en recoñecemento "ao seu importante labor" como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral en xornais e medios de comunicación de Galicia e co que demostrou, ao longo de tantos anos, "un empeño extraordinario por dignificar o teatro galego". Pecha a lista de nomes propios a académica e cineasta Margarita Ledo Andión, a organización decidiu outorgarlle o Premio Mulleres en Acción en recoñecemento ao seu labor como escritora, cineasta, investigadora e docente. A organización da Mostra concédelle esta galardón "por apostar, no ámbito académico, por una educación en comunicación audiovisual con perspectiva de xénero. E, como cineasta, por utilizar o ollo da cámara ao servizo do corpo e da realidade das mulleres".

Programa de estreas
Das catro estreas absolutas que ofrecerá a Mostra, tres delas están coproducidas pola propia MITCFC : Castingjo, de Se Rial & Anabel Budiño; Isolada, de Cía. Pajarito e Abracadaver, de Assircopatas. A obra Espécies Lázaro da compañía portuguesa Teatro Art’Imagen fará en Cangas a súa estrea en territorio español mentres que será a primeira vez que se vexan nos escenarios de Galicia as obras La Xirgu, Secretos de alcoba, La señorita doña Margarita, Comando señoras, Ritos de amor y guerra, Water falls e A Contenda do Río Miño, esta última montaxe tráena ao festival do Morrazo o Centro Dramático Galego CDG coa Companhia de Teatro de Braga (Portugal) trala súa presentación no Festival de Almagro e presentarase como peche da MITCF. Entre os espectáculos de estrea en Galicia que se poderán ver en Cangas atópanse dous que recibiron en 2020 Premios Max: El viento es salvaje, Mellor Espectáculo Revelación a cargo de Las niñas de Cádiz, e Al otro lado de Zanguango Teatro, Mellor Espectáculo de Rúa. Entre os espectáculos galegos que completan a carteleira figuran tamén Mocos, de Contraproducións; Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2; O Monte das Aras, de Teatro de Ningures; Ghop!, de Teatro ao Cubo, ou Vencerse é cousa de se tratar, de Fernando Abreu. De fóra de Galicia chegarán tamén El Gran Braulio, de Adrián Conde. A directora artística da Mostra, María Armesto, explicou no acto de presentación desta programación que tivo lugar no Auditorio de Cangas que máis da metade das obras son de compañías galegas e destacou o feito de que este ano "diriximos máis a ollada cara Portugal", de feito este ano faise a conmemoración dos 25 anos de Teatragal, un espazo de reflexión, de diálogo e de intercambio de experiencias entre Galicia e Portugal. As Xornadas Mulleres en Acción chegan este ano á súa 21 edición cunha programación que tratará, un ano máis, de potenciar e dar visibilidade ao traballo das mulleres dentro da cultura e, en concreto, das artes escénicas. Os actos inclúen exposicións, obradoiros e charlas-coloquios.