Unha testemuña da primeira guerra

Datan o campamento de Lomba do Mouro, entre Galicia e Portugal, no tempo das primeiras expedicións militares romanas a Gallaecia

Datan o campamento de Lomba do Mouro, entre Galicia e Portugal, no tempo das primeiras expedicións militares romanas a Gallaecia
O campamento de Lomba do Mouro desde o aire. Foto: romanarmy.eu
Nun momento do século II a.C., un forte continxente militar ergueu dúas liñas de murallas para fortificar un espazo de montaña na serra do Laboreiro, e reforzaron a primeira liña de defensa cun peculiar sistema de pedras fincadas que reducían o impacto das cargas de cabaleirías e os ataques. Para o colectivo romanarmy.eu, que descubriu o xacemento, e para o arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte, director da intervención arqueolóxica levada a cabo no xacemento en setembro de 2020, esta fortificación é un campamento romano que puido estar ocupado ata por un continxente de ata 10.000 homes. A datación e o tipo de fortificación militar encaixa para os arqueólogos cun periodo histórico concreto: as primeiras expedicións militares romanas á Gallaecia, das cales a máis coñecida foi a protagonizada polo famoso cónsul Décimo Xuño Bruto no 137 a.C. Lomba do Mouro convértese no meirande e máis antigo campamento romano localizado ata o momento en Galicia e o norte de Portugal.

O campamento romano de Lomba do Mouro atópase na Serra do Laboreiro, entre o concello galego de Verea e o portugués de Melgaço, e ocupa unha superficie maior de 20 hectáreas, ubicada no medio dunha necrópole megalítica de gran valor histórico. En setembro de 2020 levouse a cabo unha escavación na parte portuguesa do sitio arqueolóxico que permitiu localizar dúas murallas que limitan o recinto, cunha estrutura regular de 2.2 metros. Foi nestas sondaxes onde se obtiveron mostras de sedimento que permiten realizar datacións absolutas a partir do método de luminiscencia opticamente estimulada (OSL). En liñas xerais, determina cando foi o último momento no que o cuarzo contido no sedimento estivo exposto á luz do sol. As análises foron realizadas polo grupo de investigación C2TN (Centro de Ciencias y Tecnologías Nucleares) del Instituto Técnico Superior de la Universidad de Lisboa.


Sondaxe 2 do sitio arqueolóxico. Foto: Era Arqueologia

Ata o momento, o campamento romano máis antigo identificado en territorio galego era Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), onde foron localizadas moedas vinculadas ás Guerras Cántabras (29-19 a.C.). Pero Lomba do Mouro parece remitir a episodios anteriores das guerras de conquista do noroeste peninsular. En concreto, as primeiras incursións en territorio galaico consignadas polas fontes clásicas ao redor do século II a.C., das cales a máis coñecida é a campaña de Décimo Xuño Bruto, que se internou con dúas lexións ao norte do Douro e do Limia perseguindo aos galaicos que foran en axuda dos lusitanos no 137 a.C.

O colectivo romanarmy.eu publicou un documental para explicar os achados da fronteira entre Galicia e o norte de Portugal. Está narrado en inglés pero conta con subítulos en galego, portugués e castelán.