Marta Lado gaña o Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

A actriz fisterrá asina 'A pita xefa' na que sitúa a historia nun galiñeiro para amosar os roles estereotipados

Marta  Lado                                                Foto: Catálogo AAAG
Marta Lado Foto: Catálogo AAAG
O Xurado do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade decidiu outorgar o seu galardón á obra A pita xefa, asinada por Marta Lado. Na súa acta o xurado declara que no relato vencedor "a temática axústase estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos". A fisterrá Marta Lado, máis coñecida nas súa actividade coma actriz e recente gañadora don Premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto por Ons, asina esta obra que, segundo a acta, enmárcase nun mundo animal-natureza "co que é doado que se identifiquen as lectoras e lectores aos que vai dirixida". Neste sentido o xurado considera que un acerto en A pita xefa o emprego da imaxe do galiñeiro, "que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, piramidal e dominada polo galo".

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto e a autora recibirá 2 500 € cos que está dotado este premio. Nesta edición do premio participaron 50 orixinais. O xurado estivo formado por Charo Baleirón Soñora, coordinadora do Departamento de Innovación Pedagóxica das Escolas Católicas en Galicia e dos recoñecidos Premios Frei Martín Sarmiento; María Jesús Fernández Fernández, socia fundadora de Gálix, colaboradora de diversas revistas; Esther Gómez Suárez, propietaria da Libraría Moito Conto (A Coruña); Ángeles Roca López, bibliotecaria, actualmente xubilada, Premio Nacional de Animación á Lectura e Tania Vázquez García, profesora de ensino secundario, filóloga, investigadora e colaboradora de diversos plans de lectura e igualdade.