Sorpresas baixo o noiro

Os arqueólogos documentan o carácter defensivo de Alto da Raia e a existencia dunha inagardada fase anterior

Foxo en Alto da Raia (Calvos de Randín / Montalegre). Foto: João Fonte
Foxo en Alto da Raia (Calvos de Randín / Montalegre). Foto: João Fonte
Como é habitual nas escavacións arqueolóxicas, o último día sempre hai sorpresas. No Alto da Raia, un gran recinto fortificado ubicado no val do Salas, entre Calvos de Randín (Ourense) e Montalegre (Portugal), os arqueólogos parecen ter identificado unha curiosa sucesión temporal. O equipo, liderado por João Fonte, arqueólogo da Universidade de Exeter e membro do colectivo de investigación romanarmy.eu, explorou ao longo desta semana a posible existencia dun campamento temporal romano neste espazo. Tras a semana de campaña, Fonte non só está "satisfeito", senón convencido de que o que ofreceu o recinto xustifica unha segunda intervención.

O equipo puido documentar un noiro formado por terra e xabre que protexe todo o recinto, precedido dun característico foxo en V de 1,5 metros de profundidade -típico dos campamentos romanos de campaña- que se puido detectar nas dúas sondaxes que os científicos practicaron nas defensas. As sondaxes confirmaban o que amosaba a xeofísica. Todo o recinto foi explorado cun magnetómetro que permitía detectar anomalías subterráneas e que ofreceu unha imaxe moi detallada do subsolo do recinto, amosando do noiro protector e dos foxos que o rodean, cunha forma ben propia dos recintos de campaña do exército romano. Porén, as sorpresas procedían doutros datos ofrecidos pola xeofísica.

No procesado dos datos do magnetómetro o equipo apreciou a existencia de numerosas foxas, especialmente concentradas nalgunha zona do recinto. Estas foxas mesmo aparecían por debaixo da muralla do recinto. Hoxe á mañá os arqueólogos conseguiron verificar que foron feitas nunha fase anterior á propia construción do foxo e do noiro, xa que unha destas foxas aparecía claramente cavada por debaixo del. "Isto casa bastante cunha serie de materiais cerámicos que nos estiveron parecendo no foxo, e que son unha cerámica claramente manual que non parece do final da Idade do Ferro, senón máis ben do Bronce final ou do Ferro I. Creo que podemos relacionar esta cerámica con todas esas foxas que nos aparecen na xeofísica". O equipo de Era Arqueologia realizou unha análise dunha zona específica a máis resolución, e alí puideron aprecir que algunhas desas foxas teñen "unha disposición circular. Pero por agora non é doado saber que son".

Os resultados foron "positivos", e iso significa que Alto da Raia ten máis posibilidades de pasar a ser parte da lista crecente de recintos militares que documentan a conquista e control do noroeste peninsular por parte de Roma, só que por primeira vez nas intervencións en recintos militares en Galicia parece que a fortificación nun emprazamento compartido con xentes anteriores. A toma de todo tipo de mostras para analizar coa técnica da termoluminiscencia poderán afinar máis a cronoloxía e avanzar nesta hipótese aínda máis. Tras rematar a campaña en campo fica pendente moito traballo de laboratorio e análise dos datos. Con todo, hoxe pola tarde os investigadores aínda estarán explorando outra "anomalía" localizada co xeorradar antes de recoller os seus equipos. Se cadra Alto da Raia aínda ofreza un agasallo de despedida.