Carlos Quiroga gaña o Premio Vicente Risco cun ensaio sobre Eça de Queirós

O xurado desta XXVª edición sinala dous accésit con dereito a publicación

24/5/2021 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: literatura
2 lecturas | Compartido 0 veces

Carlos Quiroga Foto: Arquivo AELG./ Santos Díez e Eduardo Castro Bal cunha licenza CC-BY-SA 3.0.

O filólogo Carlos Quiroga (Escairón, 1961) resultou merecente do XXVª Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais pola obra presentada A costela galega de Eça de Queirós. O xurado convocado pola Fundación Vicente Risco en Allariz fallou a favor do traballo de Quiroga por tratarse dun ensaio "formalmente ben estruturado, con rigor científico e destinado a un público amplo de Galiza e Portugal, que demostra a raíz galega de Eça de Queirós, con abundante documentación tanto administrativa como histórica". Segundo a consideración da acta sobre a obra gañadora "no deseño desa xenealoxía tamén se fai un pormenorizado retrato das relacións comerciais, culturais, sociais e humanas entre o sur de Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XVII e XIX, cuestionando mesmo a idea de fronteira".
O xurado tamén sinalou a designación nesta edición do premio de dous accésit con dereito a publicación, que serían, por esta orde: Da ría ás Rías Baixas. Paisaxe, turismo e territorio, Breixo Martins Rodal, "polo seu rigor científico e porque senta as bases para posíbeis investigacións futuras”, segundo o xurado; e O corpus christi de Allariz, de Juan Antonio Seara Ferro, "polo tratamento de documentación inédita que realiza sobre esta temática". No outro premio que se fallaba nesta xornada, o VIº Premio Antón Risco de Literatura Fantástica o xurado declarou deserta a edición do premio deste ano, como prevén as bases do certame, "por considerar que ningunha das obras presentadas reúnen as calidades necesarias para se atribuír o recoñecemento do galardón", explican dende a súa acta.

Universo culturagalega.gal