Unha liña (bastante) continua

Repasamos a imaxe de Galicia transmitida nos vídeos das administracións presentados en FITUR

Repasamos a imaxe de Galicia transmitida nos vídeos das administracións presentados en FITUR
Fotograma de Es el destino. Es Ferrol
Cada ano, as diferentes administracións galegas presentan as súas accións en FITUR, a principal feira do negocio turístico do Estado. É un bo momento para coñecer as campañas e as narrativas que estas administracións escollen para promocionar os valores dos seus territorios, as paisaxes e a súa imaxe cara o exterior. Desta volta, este ano rexistráronse menos campañas e cunha menor ambición orzamentaria e de marketing. Esta é unha mostra comentada das campañas ofrecidas polas administracións autonómica, provincial e das principais cidades galegas, agrupada por liñas comúns que nos permiten ter unha visión da imaxe de Galicia que se vende ao exterior neste 2021 de pandemia. Valores de seguridade, vida familiar, cociña tradicional de marisco (é moi significativa a práctica desaparición da alta cociña, tan presente nos últimos anos, dos vídeos promocionais), espazos abertos e naturais e o Camiño de Santiago como referentes.

A familia e o retorno
A publicidade das cidades enfatiza o turismo familiar e, significativamente, nas de Ferrol ou Vigo a idea do retorno. Volver a un lugar no que se foi feliz nos anos 90, agora xa con familia e nun plan diferente. A nostalxia como chamador. No caso de Vigo, o vídeo tenta recalcar os cambios producido na cidade nos útlimos quince anos. O anuncio de Turismo Rías Baixas, protagonizado por un alter ego da cantante Rosalía continúa na liña experiencial e evocadora dos últimos anos, se ben hai tamén unha grande presenza das familias.

Ferrol



Vigo



Rías Baixas



Un legado cultural moito máis diverso

Sen dúbida a máis orixinal entre as cidades é a aposta do concello de Santiago "Ao outro lado do espello" está inspirado en Alicia no país das marabillas e explora visualmente o legado histórico da cidade -creativo, literario, relixioso e social- alén das consabidas referencias ao Camiño de Santiago. O tratamento estético, que incorpora gravados antigos e recortes de ilustracións lembra ás animacións postas de moda polos Monty Python hai varias décadas. O concello acompaña o vídeo promocional cunha serie de ‘videoguías’ para coñecer os diferentes espazos urbanos.



Turismo de natureza
A principal aposta da Deputación da Coruña foi para fortalecer a candidatura a Xeoparque da UNESCO para o cabo Ortegal.



Vídeos postal
Outras cidades galegas como Lugo ou Pontevedra apostaron polos vídeos promocionais concibidos como postal demostrativa dos encantos da respectiva cidade e sen estar inseridos dentro dunha campaña turística máis ampla. Máis que chamativo é o eslogan do concello de Lugo: "Lugo km. 100", porque "Lugo se atopa a 100 km de moitas zonas turísticas de Galiza". O caso da Coruña é o máis singular: apostouse por un texto literario que recalca o legado histórico da cidade.

A Coruña



Lugo



Pontevedra



Camiño de Santiago
O vídeo promocional da Xunta en FITUR prolonga a campaña iniciada o ano pasado para o Xacobeo 21, que desta volta tamén se estende ao ano 2022. O vídeo non propón grandes cambios con respecto ao ano anterior e céntrase na peregrinaxe e nos seus valores. Pero a Deputación de Lugo tamén se sumou a esta marca turística, facendo peregrinar polas paisaxes pintorescas da provincia ao coñecido metereólogo Martín Barreiro. E os concellos do Camiño Inglés 'externalizaron' a produción, presentando en FITUR un vídeo realizado polo xornalista de viaxes Paco Nadal sobre este itinerario xacobeo que parte de Ferrol.

Lugo



Camiño inglés



Xunta de Galicia