Cando Emilia Pardo Bazán imaxinaba os visitantes de Meirás no ano 2000

O Consello da Cultura Galega publica o epistolario da escritora gardado na Real Academia Galega

12/5/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

É unha das sorpresas do epistolario de Emilia Pardo Bazán dispoñible desde hoxe no web do Consello da Cultura Galega. Nunha carta sen data que a escritora dirixe ao notario de Betanzos, José Alguero Penedo, que lle estaba a botar unha man no deseño exterior do pazo de Meirás, introduce unha curiosa referencia: "[esta torre] que es la que yo he de habitar, y quisiera imprimirle alguna huella personal, para cuando la visiten -si la visitan- los curiosos del año 2.000". Mal sabía Emilia Pardo Bazán os avatares políticos e os debates culturais que o pazo de Meirás desencadearía só vinte anos despois do seu vaticinio. Esta carta é unha das 156 conservadas no fondo da Real Academia Galega e que o CCG publicou en colaboración con esta institución no seu sistema de epistolarios con motivo do centenario da morte da escritora coruñesa.

87 destas cartas están dirixidas á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada. Nelas podemos coñecer parte da intimidade de Pardo Bazán, a súa visión do feminismo ou das obras do pazo de Meirás. Hai borradores de cartas a Afonso XIII e tamén moitas misivas a Eduardo Pondal, con quen mantén unha relación de amizade e de intercambio de libros. Nunha carta a Pondal de 1888 pódese ver a tensión das súas relacións persoais con outros escritores galegos. "Hace usted muy bien en no ponerme tampoco en olvido, y en ser uno de los contados escritores de la "pequeña patria" que me profesan afecto".

Precisamente o salón de actos da Real Academia Galega acolleu hoxe á mañá unha lectura colectiva de textos de Emilia Pardo Bazán que pretendía "amosar a variedade de rexistros que Emilia Pardo Bazán cultivou ao longo da súa vida como creadora literaria e como intelectual rítica coa realidade social do seu tempo".

Que che parece esta nova?
42 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Emilia Pardo Bazán, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Pazo de Meirás...