Impulso á intelixencia artificial para interactuar en galego na contorna dixital

O proxecto Nós facilitará o recoñecemento automático da fala con diversas aplicacións

12/5/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: LinguaTecnoloxía
24 lecturas | Compartido 0 veces
O proxecto 'Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega' nace co obxectivo de facilitar aos cidadáns interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas. O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentou onte esta iniciativa que relacionou co espírito da Xeración Nós "que defenderon que o galego non podía quedar excluído de ningún ámbito de traballo", sentenciou. O proxecto permitirá xerar e compilar recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, que serán gratuítos e en código aberto, de forma que poidan ser utilizados tanto por empresas como por institucións. Entre as ferramentas que se desenvolverán: un sintetizador de voz, permitindo a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego, podendo escoller xénero, idade, etc; un recoñecedor de fala, posibilitando a interacción persoa-máquina ou a subtitulación automática; e un xerador de lingua natural, convertendo datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais.

Así mesmo, o presidente referiuse tamén á creación dun sistema de diálogo xenérico, é dicir, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros; un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz; e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical. Para levar a cabo o proxecto, Feijóo asegurou que a Consellería de Cultura e a Amtega contarán ademais coa participación do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago; co Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades; así como coa iniciativa privada. Ao respecto, recordou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para abordar o baleiro existente neste ámbito. Por outra banda, o responsable do Goberno galego destacou que Nós será tamén un proxecto importante en termos de arrastre económico. Non en van, estímase un investimento inicial público de 15,5 millóns de euros.

Universo culturagalega.gal