Quiosco: Raigame número 45

A revista repasa as intervencións arqueolóxicas dos últimos anos en Ourense

A revista Raigame, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, acaba de presentar no seu número 45 o primeiro dos seus especiais sobre arqueoloxía na provincia de Ourense, que recollen artigos por parte dos directores das intervencións arqueolóxicas na provincia durante os últimos anos, e que en moitos casos supoñen as primeiras publicacións científicas sobre as intervencións neses xacementos. Un dos artigos máis relevantes é o que dá conta do proxecto Lobarzán, a intervención arqueolóxica no conxunto arqueolóxico da Ceada, ubicado entre os concellos de Oímbra e Monterrei, e que comprende desde abrigos e cerámica calcolítica, unha gran fortificación de época xermánica e un castelo baixomedieval. O artigo, asinado polos arqueólogos Beatriz Comendador e Víctor Rodríguez Muñiz, defende a hipótese de que a importante fortificación da Ceada correspóndese cunha "fortaleza e aldea xermánica, visigoda, algo excepcional e practicamente inédito na historiografía galega" que xa foi abandonada como residencia na plena e baixa Idade Media. Entre os resultados do proxecto, os arqueólogos tamén puideron datar por termoluminiscencia unha especie de depósito de augas localizado no outeiro no que se atopa o castelo baixomedieval do conxunto. As datacións foron sorprendentes: o depósito foi construído en época romana, no século I, e reformado no século VII, cando se dispuxo o pavimento, o cal revelaría que un edificio romano e visigodo rematou convertido na fortaleza baixomedieval.


Outro artigo de relevancia repasa as intervencións arqueolóxicas históricas e recentes ao castro de Saceda (Cualedro). O arqueólogo Martiño Xosé Vázquez Mato explica como os achados levan a conseguir datar a cronoloxía da fortificación, ata o momento motivo de certa discusión científica. Seguno as análises, existen dous horizontes claros para o castro: un do século IV a.C. con construcións en madeira e pallabarro, que foi "arrasado" por un gran incendio do que quedou unha gran capa de carbonización, e unha segunda fase do século II a.C. no que o xacemento foi reorganizado, monumentalizándose e gañando en superficie. Vázquez estima a posible dun terceiro periodo, xa do século I d.C., no que o castro podería terse estendido ao pé das murallas. Outros artigos explican intervencións no castro de Cameixa (Boborás) a cargo de Jorge Lamas, sobre a posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Allariz, os traballos de limpeza e visibilización en Castromao, por parte de Eduardo Breogán Nieto, sobre o campamento romano de Aquis Querquennis, de Santiago Ferrer, sobre a estación rupestre das Pisadiñas, en Laza, por parte de Nieves Amado, sobre as actividades do grupo Sputnik Labrego na Comarca de Valdeorras ou sobre o Parque Arqueolóxico do Monte Grande, a cargo de David Pérez e Celso Hugo Barba.