A RAG compila dezasete achegas sobre Carballo Calero no seu novo Boletín

A publicación inclúe os relatorios do simposio dedicado ao autor o pasado mes de outubro

Un total de dezasete análises sobre a obra de Ricardo Carballo Calero, entre as que se presentaron ao simposio que a RAG celebrou o pasado mes de outubro e mais as que se deron a coñecer no pleno extraordinario da institución con motivo do Día das Letras Galegas 2020. Estes son os contidos que achega o número 381 do Boletín da Real Academia Galega, que está dispoñible íntegro no web da entidade. Textos de Justo Beramendi, José-Martinho Montero Santalha, Carmen Blanco, Dolores Vilavedra, Alberte Valverde, María Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Laura Tato Fontaíña, Henrique Rabuñal ou Serafín Alonso Pintos fan parte da publicación.

Ademais, recóllense as a alocucións pronunciadas por Margarita Ledo Andión, Ramón Villares Paz e Francisco Fernández Rei no pleno da RAG polo Día das Letras, un estudo de Xosé Manuel Vélez Latorre sobre a tradición bíblica na poesía do homenaxeado ou unha análise de Eduardo Maragoto sobre a evolución do reintegracionismo desde o ideario de Carballo Calero ao movemento no século XXI.

O volume recolle ademais un artigo e o texto completo da Proposta de reforma das Normas Ortográficas e Morfolóxicas da Real Academia Galega (1970-1971), presentada por Ricardo Carballo Calero en 1979 da man de Henrique Monteagudo. Este texto inédito amosa a perspectiva na altura tiña o homenaxeado sobre a escrita da nosa lingua.