O petróglifo tamén vén ás asembleas

A comunidade de montes de Pedornes (Oia) recibe unha réplica exacta do emblemático petróglifo de Laxe dos Cebros

A comunidade de montes de Pedornes (Oia) recibe unha réplica exacta do emblemático petróglifo de Laxe dos Cebros
Foto: ESCRBCG
En tempos da revolución dixital do patrimonio cultural, con novas técnicas como as fotogrametrías que xeneran modelos 3D de gran definición, tecnoloxías LiDAR ou aplicacións de realidade aumentada ou virtual, un grupo de restauradores da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, localizada en Pontevedra, penduraron con coidado do centro sociocultural de Pedornes (Oia), un traballo ao vello estilo manual, físico e laborioso: unha réplica a tamaño real do famoso petróglifo de Laxe dos Cebros.

Trátase da icona visual máis prezada desta parroquia do sur de Galicia. Na gran laxe, agora situada en vertical ao carón dunha parede, corren un grupo de cérvidos, pero os ollos son cautivados desde o primeiro momento por algo excepcional. Un poderoso navío antigo acompaña a carreira dos animais. É a representación máis precisa dun navío mediterráneo do segundo milenio antes de Cristo en toda a fachada atlántica europea, un tesouro arqueolóxico. A súa existencia fíxose pública en 2006 e foi un bombazo neses momentos nos círculos científicos. O investigador Javier Costas Goberna fora revisar outras laxes con embarcacións existentes na área tras unha riada, xa que este conxunto de gravados se atopa ao carón do leito dun regato. O arrastre das pedras pola violencia da auga limpou unha laxe e revelou a existencia desta impresionante embarcación, a máis detallada das existentes no sitio arqueolóxico e testemuña privilexiada das relacións entre os pobos atlánticos e mediterráneos na prehistoria europea.


Calco orixinal do petróglifo de Laxe dos Cebros

Fernando Carrera, profesor da Escola e responsable do proxecto, chama atención de que a réplica, en si mesma, tamén é "excepcional" no tempo actual. "Neste tempo de drones e escáneres láser, esta tradición de documentar vía molde e facer esta réplica a man acabouse. Fíxate nos moldes que se conservan no Museo de Pontevedra, xa son tamén patrimonio cultural", sinala bromeando. Refírese aos calcos en xeso realizados polo investigador Ramón Sobrino a varios petróglifos pouco antes da Guerra Civil.

Curiosamente, o proxecto foi promovido pola Comunidade de montes de Pedornes, propietaria dos terreos, e pola Asociación Costa dos Castros, polo mesmo motivo que en 2006 posibilitou a descuberta do gran panel: as riadas poden arrastrar pedras que poden destruír o petróglifo, xa moi danado na actualidade. O barco xa sufrira unha grave agresión a principios do século XX, cando o tentaron dinamitar na procura de tesouros. A réplica non soluciona o problema do natural pero crea unha copia precisa para calquera eventualidade.

Os restauradores da Escola abordaron o proceso de calco cos alumnos da escola, nun proceso de documentación que ocupou unha semana e na que se valeron, tamén, das técnicas de fotogrametría dixital. Os restauradores optaron por reproducir a pedra tal e como estaba no momento, "nun molde feito con silicona e empregando un material con gran calidade reprodutora e absolutamente fiel á realidade da pedra", sen acentuar os gravados para facilitar a súa visualización. "Pero coa iluminación vertical interior vese moi ben", apunta Carrera, "hai que ter en conta que a luz exterior que lle dá ao petróglifo real moitas veces é moi plana e varía segundo o día". Ao carón da réplica instalaron o calco en papel orixinal de Costas que funciona como "manual de instrucións".
Pero sobre todo a réplica é a creación dun obxecto físico que acompañe a outras tarefas de documentación e divulgación. "No ámbito dos petróglifos, nos que a velocidade de deterioro é moi elevada, temos que facer un pacto social e tirar de todas as estratexias que poidamos. A pedra angular de todas estas políticas é o recoñecemento social da cidadanía ao valor do patrimonio. Todas as ferramentas valen e facer réplicas coma esta permiten procurar ese obxectivo".