O estilo "inagardado" de Xela Arias

O Consello da Cultura Galega edita Non te amola, unha colección de relatos que relata a súa infancia

O Consello da Cultura Galega edita <i>Non te amola</i>, unha colección de relatos que relata a súa infancia
Ilustración: Bea Gregores
Ana Iglesias, profesora da Universidade de Vigo e amiga persoal de Xela Arias, tiña certo medo en achegarse aos relatos que compoñen o libro Non te amola, a edición dun pouco coñecido libro de relatos de Xela Arias co que o Consello da Cultura Galega conmemora o Día das Letras Galegas e que se atopa baixo libre descarga no web da institución. Non te amola! é un conxunto de relatos escritos por Xela Arias aos 30 anos, desde a perspectiva dunha nena de 9 anos que conta o tránsito entre a súa infancia na aldea ata a súa preadolescencia en Vigo. Unha nena que xa se sinte adulta, como se di no último capítulo: "seremos a primeira xeración de nenas mulleres á súa debida hora. Sen pasar tantos anos –dos trece aos dezaoito- disimulando: sendo muller e facendo como que unha non pasou aínda de rapaciña". O libro conta con sete ilustracións de Bea Gregores.


"Neste libro amosamos un rexistro diferente de Xela Arias que non é o esperable", sinalou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, "ese estilo seu tan único non é o que está neste libro, no que emprega un galego tradicional e verosímil para unha nena de nove anos". E, porén, a súa amiga Ana Iglesias recoñeceuno cando se atreveu a abordar os textos silenciosos de Arias. "Coñecín a Xela Arias no ano 91 e nunca me fixera referencia a estes contos, que xa tiñan que estar escritos", indica Iglesias, "pero ao comezar a lelos xa a vin totalmente neles, aínda sendo un xénero tan diferente á súa escrita. Aí estaban as características da súa personalidade máis alá dos estereotipos, que son inevitables cando se constrúen figuras literarias".

Iglesias relatou con paixón como se atopou naqueles textos escritos desde esa Xela que volvía á súa nenez "o interese pola familia, o ton reivindicativo con transgresión e humor, pero tamén o seu gusto polos sombreiros, o peiteados, ou mesmo o Catrolatas de Xela que eu coñecín. Xela foi moito sempre dos coches e da autonomía que daba conducir".

Iglesias resalta a raíz íntima destes relatos. "A propia Xela escribiunos como un agasallo á familia. Ela aínda non tiña en proxecto ser nai, pero quería deixar ese legado ás futuras xeracións e reflectir nestes contos á súa familia, porque ela era unha persoa moi familiar, moi dos coidados, e nestes textos converte os seus seres queridos en personaxes".

"Pensei que escribir un libro podía ser unha cousa ben inútil. E mais mesmo as cousas inútiles teñen sentido", di Xela Arias no último capítulo, "teño que me documentar para facer o verdadeiro escrito: un texto que o explique todo moi ben e que convenza para cambiar as cousas", como este Non te amola. Rosario Álvarez recalcouno: "Xela tiña confianza na cultura e na capacidade transformadora da literatura".