Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz

O concerto terá lugar hoxe no Día Internacional do Jazz

Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.



Jazzliza,letras galegas e jazz
E tamén co jazz ten que ver un xeito de celebrar o Día das Letras Galegas co proxecto Jazzliza. O vindeiro xoves, 6 de maio e no mesmo Teatro Colón, a Big Band do Conservatorio Superior de Música de A Coruña, coa dirección musical de Alberto Conde unira jazz e poesía galega nun espectáculo que ofrece una selección de textos poéticos de homes e mulleres da literatura galega, abarcando un arco temporal e un abano de actitudes expresivas, desde a Idade Media ata a contemporaneidade, incluíndo mostras da Xeración Nós e de poéticas ligadas á cidade de A Coruña coma Curros, Fernán-Vello, Ánxeles Penas, etc. Ademais o espectáculo contará para as declamacións cun interesante conxunto de artistas invitados: Silvia Alonso, Xurxo Fernández e Nilaila, Bea García, Carmen Rey, Diana Tarín e Xurxo Souto.