Betanzos, Vilagarcía e Valladares: Tres propostas diferentes para estas

Festas para dous días

Doce días de honras a San Roque con lanzamento do maior globo de papel do mundo e romaría flotante nos Caneiros é o que oferta Betanzos a nivel lúdico-festivo a partir de mañá. Vilagarcía non lle vai á zaga e xa está a ultimar os preparativos para a Festa da Auga, que cada ano reúne a máis visitantes que buscan divertirse do xeito máis refrescante. E desde hoxe e ata o domingo pode verse no Monte dos Pozos de Valladares o VIII Revoltallo de Música Emerxente, no que participan grupos de todos os estilos que están aínda comezando a darse a coñecer.
Mentres, non debemos esquecer que outras festas continúan, coma as do Cristo da Victoria de Vigo ou as da Peregrina en Pontevedra, e aínda hai moitas outras citas posibles.

San Roque e o globo

Un ano máis o globo de papel máis grande do mundo voltará despegar de Betanzos. Serás o xoves cara a medianoite, xusto antes da queima da fachada de San Roque e dos fogos de artificio. O outro grande acto destas festas será a Xira dos Caneiros, que se celebrará o sábado. Os Caneiros é unha festa tradicional que se celebra á beira do río Mandeo e na que participa unha multitude que é bastante habitual que remate abondosamente mollada. Ás barcas engalanadas súmanse todo tipo de obxectos flotantes, a cal máis imaxinativo, dando mostras do bo humor dos particpantes. Ademais destes actos, pdoemos atopar os concertos de Amaral e El Canto del Loco a noite de mañá, e o venres o de Greta y los Garbo. Hoxe mesmo, a partir das oito, e cuarto abriranse as festas e Miguel Anxo Fernán Vello lerá o pregón. Ás dez e media será a primeira verbena, a cargo da orquestra Sintonía de Vigo. E a partir de aí, ata o día vintecinco de agosto, todo é festa.












Auga


San Roque é honrado dun xeito orixinal tamén en Vilagarcía, onde o día dezaseis se celebra a Festa da Auga. A partir das doce do mediodía, o centro da cidade transfórmase nunha batalla campal onde todos mollan a todos, sexa con caldeiros, mangueiras, pistolas ou globos cheos de auga. Baixo o lema "Móllate e vívea" a edición deste ano agarda batir récords de participación, xa que cada ano son máis os visitantes que aproveitan para vir refrescarse á vila. Desde o Concello lembran que Festa da Auga en sí comeza ás doce da mañá, depois da procesión de San Roque, e non durante esta, e acondicionou unha "Zona húmida" que se debe evitar se non se quere saír pingando.








Revolto, revolto

Un ano máis, e van oito, o Monte dos Pozos de Valladares volta acoller grupos de todo o Estado (cunha nutrida presencia de galegos) que buscan darse a coñecer. O VIII Revoltallo musical comeza os seus concertos esta noite, aínda que xa onte se realizou a pasarela de moda "Valladares". O encontro arrinca co jazz, e nos vindeiros días os arredor de vinteseis grupos participantes pasarán por estilos coma o harcore, o rock sinfónico, o reggae ou a música electrónica, por pór só algúns exemplos. Ademais dos concertos en sí, haberá instalada unha rede para quen queira subir o ordenador, un torneo de espadas de escuma e outro de cartas coleccionables, unha exhibición de capoeira e moitas máis cousas. E a entrada é gratuíta...