Ouro para romanos, prata para galaicos

Un estudo sobre os metais preciosos na Idade do Ferro revela os cambios no uso da prata e o ouro a partir da presión romana nas fronteiras do noroeste peninsular

Un estudo sobre os metais preciosos na Idade do Ferro revela os cambios no uso da prata e o ouro a partir da presión romana nas fronteiras do noroeste peninsular
Tesouros de Calvos de Randín (Ourense) e Recouso (Oroso, A Coruña)
A distribución dos lingotes de ouro e prata na antiga Gallaecia revela a presión do Imperio romano sobre os límites do noroeste peninsular durante o conflito que levou á conquista e anexión do territorio. A partir da análise de 40 exemplares localizados de xeito casual ou en castros de Galicia e o norte de Portugal, os arqueólogos do CSIC Xosé Lois Armada, do Instituto de Ciencias do Patrimonio de Santiago e Óscar García Vuelta, do Instituto de Historia, decatáronse de que estes lingotes estaban distribuídos en dúas zonas moi diferenciadas dentro do Noroeste. Os achados acaban de ser publicados na revista internacional Archaeological and Anthropological Sciences.


Na área meridional, no norte de Portugal e sur de Galicia, localízanse máis lingotes de prata. Porén, na zona septentrional, o peso de lingotes con ouro, prata e cobre é moi superior. Para os arqueólogos, isto é a mostra dun comportamento cultural distinto relacionado coa presión exercida na zona de conflito fronteiriza coas áreas dominadas xa polo Imperio. "A área meridional estivo máis sometida ao control e influencia de Roma, sufrindo as incursións das súas tropas a partir do último tercio do século II a.C. Iso puido ter estimulado o fluxo de metal entre ambas partes, a circulación de prata nas zonas de conflito e unha transición máis prolongada entre as formas premonetais de intercambio a unha economía monetizada". Pola contra, a zona septentrional da Gallaecia mantívose a distancia destes contactos e presións e a cantidade de prata recuperada é moito menor. "Mantívose máis distanciada desas influencias e existía un maior peso das tradicións locais", sinalaron.


Lingotes de prata (triángulo negro) e ouro con aleacións (triángulos amarelos). Fonte: Armada & García Vuelta, 2021.

A composición de metais preciosos nas xoias foi variando ao longo do tempo. Nos primeiros séculos da Idade do Ferro a ourivería estaba producida en gran medida con ouro, pero isto foi cambiando. Durante as fases finais da cultura castrexa, a coincidir coa conquista romana (137-19 a.C.), os investigadores apreciaron que a presenza da prata no interior destas xoias é moito maior. Os ourives castrexos dábanlle aparencia de ouro usando técnicas de dourado superficial. "O reciclado desas xoias si podería dar lugar a composicións como as que atopamos nos lingotes", sinalan os arqueólogos. Hai que ter en conta que no actual territorio galego a prata obtida a partir da mineiría -posiblemente o bateo no leito dos ríos- é moi reducida. De aí que Armada e García Vuelta consideran que moita desa prata puido ser importada vinculada a estes procesos de presión e cambio.