A historia das cigarreiras da Coruña e Pardo Bazán a través dun documental e unha peza de danza

As obras que se presentan hoxe amosan a forte pegada destas traballadoras na obra da escritora

Ana Beatriz Pérez Enríquez  en 'Amparo'   Foto:e-Me Comunicación
Ana Beatriz Pérez Enríquez en 'Amparo' Foto:e-Me Comunicación
Un documental e unha peza de danza arredor da historia das cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña e do xeito en que influíron na obra de Emilia Pardo Bazán estréanse hoxe de xeito complementario no Teatro Colón da Coruña. Amparo ao outro lado é unha peza documental de 20 minutos dirixida pola artista cubana Ana Beatriz Pérez e financiada cos fondos do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO) do Concello, conta coa participación de varias cigarreiras e expertas na figura de Pardo Bazán e co asesoramento de Artestudio. O documental inclúe como elemento de ligazón principal á peza de danza Amparo creada tamén pola bailarina e coreógrafa cubana inspirada na historia desas mulleres personificadas nesa Amparo que recreou a Pardo Bazán na súa obra La Tribuna.

A coreógrafa namorouse das cigarreiras na súa Cuba natal, e cando chegou á Coruña descubriu que este oficio contaba na cidade herculina cunha tradición e unha historia fascinante. Logo caeu nas súas mans La Tribuna, a terceira novela de Emilia Pardo Bazán, e a personaxe de Amparo atrapouna e inspirouna para facer esta montaxe que retrata, a través do corpo, á protagonista da novela. A peza puido facerse realidade grazas aos fondos PRESCO, pero a propia autora sentía que algo faltaba nesa historia en movemento, que combina danza, declamación e canto. Nace así Amparo ao outro lado, un documental que, sobre a base a peza de danza, profunda na historia das cigarreiras na Coruña, a súa influencia social, o seu feminismo, e o seu sinal na obra de Pardo Bazán. Mentres as escenas de danza foron rodadas no Teatro Colón da Coruña, as entrevistas aos expertos foron situadas na propia Casa Museo Emilia Pardo Bazán, e as declaracións das cigarreiras foron gravadas nas instalacións de Artestudio.


Fontes expertas e testemuñas

O documental, que conta coa colaboración de Xulia Santiso Rolán, directora de Casa Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña e estudosa da figura da escritora, Ana Romero Masía, historiadora e experta na historia do movemento social na Fábrica de Tabacos, Xosé Alfeirán, historiador, Ramiro Neira, asesor artístico e a participación de Lolecha, Cani, Pilar, Rosi e Mary, un colectivo de cigarreiras que desempeñaron o seu traballo na Fábrica de Tabacos da Coruña nos primeiros anos do pasado século. Grazas aos testemuños das protagonistas directas, que achegan autenticidade e contexto ao documental, e as análises das expertas en historia e a obra e influencia de Pardo Bazán, a peza abre unha nova mirada á historia da Coruña, do movemento social e laboral das cigarreiras, e da propia obra de Pardo Bazán, coincidindo co centenario da morte da que, segundo Xulia Santiso, foi a primeira feminista galega.