A Xunta publica as primeiras axudas a traballadores por conta allea do sector espectáculos

Desde Amproega e CCOO sinalan requisitos inviables e escaseza do orzamento na convocatoria

A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ven de publicar hoxe no Diario Oficial da comunidade as bases da convocatoria de axudas para traballadores por conta allea en empresas relacionadas co sector do espectáculo. A pesares de existir desde hai meses axudas ás empresas, esta é a primeira liña de axudas dirixida directamente aos empregados descontinuos deste sector afectado polas restricións sanitarias da pandemia para compensar a perda de poder adquisitivo pola paralización da súa actividade durante o 2020. A administración recoñece nesta medida a situación de especial desamparo das persoas traballadoras que desenvolven a súa actividade no sector do espectáculo, que en moitos casos non puideron acollerse aos citados ERTES ou outras axudas precisamente pola singularidade do seu desempeño, cun alto índice de estacionalidade e, xeralmente, baixo a modalidade de obra ou servizo determinado limitado a un evento ou actuación determinada, sendo traballadores que non figuraban nos cadros de persoal das empresas nin están de alta no réxime de seguridade social para poder percibir outras rendas ou axudas.

Esta liña de axudas conta cun orzamento total de 500.000 euros e contía da subvención para cada individuo consistirá nunha axuda de 500 euros mensuais, durante os meses en que non se tivese recoñecida ningunha prestación pública dentro do período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020. Entre os condicionantes para recibila está a necesidade de acreditar un mínimo de 50 días traballados no sector en 2019 e que durante o período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020 estivese contratado por conta allea un máximo de 7 días.

Desde a Asociación de Músicos e Profesionais do Espectáculo de Galicia (AMPROEGA) relacionados fundamentalmente coa verbena, pronunciáronse onte sobre estas axudas, conxuntamente co sindicato CCOO, solicitando a súa publicación inmediata ante a lentitude burocrática. Os representantes dos traballadores atopan que o requisito do máximo de 7 días traballados nese período penaliza o feito de que as persoas puideran buscar a maneira de atopar outros traballos ou recibiran prestacións sociais e consideran que son requisitos "inviables e inadmisibles". Tamén o orzamento resúltalles moi escaso á hora de chegar a un grupo laboral que está entre os 2.500 e 3.000 traballadores e toda vez que a recente subvención da Xunta ás empresas do sector das verbenas contaba cun orzamento de 2.000.000 de euros. Os representntes dos técnicos e artistas da verbena reclaman que se comece a preparar xa unha liña de axudas pensando neste ano, no que ven case imposible volver á actividade.