Francisco A. Vidal gaña o IIIº Premio Laudamuco de Textos Teatrais

En 'A vinganza de Fortimbrás' o autor tece unha historia nova con personaxes de 'Hamlet'

A obra "A vinganza de Fortimbrás" de Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira, 1957) resultou gañadora da terceira edición do premio Laudamuco de textos teatrais convocado polo Concello de Brión (A Coruña), a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O xurado formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, escolleron por unanimidade o texto de Vidal Blanco entre os 47 presentados este ano ao certame. O autor recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas. O acto de entrega está previsto para o domingo 16 de maio en Brión. Segundo a acta do xurado, a obra gañadora é "unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor".

Francisco Antonio Vidal Blanco é escritor e etnógrafo, colabora con distintos medios xornalísticos. Ten publicado nove novelas, catro ensaios e unha peza teatral infantil-xuvenil, A serea (2006, Fervenza). O xurado do Laudamuco destaca da súa obra "o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática. Vinganza, sexo e poder son tres das forzas principais que están presentes na acción e que mobilizan unha inquietante galería de personaxes, presentes uns, ausentes moitos outros, mais posuidores todos eles dun alto interese dramático; definitivamente, interesantes modelos nos que habitan as luces e as sombras dos comportamentos humanos".