Cobertura económica para máis de 400 concertos en 28 salas privadas polo Xacobeo 21

A Xunta publica a lista de espazos beneficiarios das subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a proxectos de programación musical en salas privadas. Segundo o resultados das adxudicacións 28 espazos beneficiarios poderán financiar a realización de máis de 400 concertos conseguindo 20.000 euros para tal fin practicamente cada unha delas para levar a cabo un mínimo de 15 actuacións ante público antes do 31 de outubro deste ano como parte da programación musical do Xacobeo 2021. Arestora son moi poucas as salas que poidan levar a cabo actividade de programación musical de acordo á súa licenza, xa que as restricións manteñen pechados todos estes espazos ao consideralos de "ocio nocturno".

Entre os 28 espazos receptores destas subvencións, que cobren tamén os custos de persoal e mantemento dos locais, están moitas salas habituais da programación musical en Galicia coma Filomatic, Garufa Club, Inn Club, Mardi Gras e Pelícano da Coruña; A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSon de Cangas; Sala LaRoom e Sala Ruído de Ferrol; A Ventana de Laxe; Clavicémbalo de Lugo; Sala Gatos de Melide, Café Teatro Bajo 5 e Pub Baranda do Barco de Valdeorras; Sala Krazzy Kray de Cambados; Casa das Crechas, Moon Music Club, Riquela e Sala Sónar de Santiago de Compostela e outras moitas pequenas salas que alternan servizos hostaleiros cunha oferta cultural coma pubs. Tamén espazos propios da hostalaría e ocio nocturno propiamente coma discotecas incluirán programación de música en directo ao abeiro destas axudas, coma o Dux da Coruña, Discoteca Chanteclair de Pontecesures, Discoteca Queen de Pontevedra, Sala Morango, de Lugo ou Discoteca Anubis de Tui.

Habilitación normativa
A convocatoria, cun investimento de 560.000 euros e inserida no marco do Xacobeo 2021, responde á implicación do Plan de reactivación da cultura fronte á covid-19 co obxectivo de lle achegar liquidez a este tipo de espazos, tanto para aliviar os efectos económicos do seu peche por mor das restricións aplicadas durante a pandemia, como para retomar a súa actividade. As bases da convocatoria foron obxecto de modificacións substanciais para o acceso a esta liña de axudas reducindo o requisito de antigüidade na alta no IAE da actividade previa da sala de dous anos previos a só seis meses. Deuse así resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos esixidos, entre os que se atopaba o da habilitación como sala de concertos, sala de festas ou café-espectáculo, de conformidade coa definición recollida no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público (Decreto 124/2019, do 5 de setembro), ademais de como café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco, segundo o Decreto 292/2004, do 18 de novembro. Neste caso, o Goberno galego recoñece con esta iniciativa o papel fundamental das salas privadas de concertos para o sector musical, tanto na súa condición de impulsoras de numerosas carreiras de solistas e grupos, como pola función de centros de dinamización cultural das súas respectivas localidades.