Ons: peixe salgado, prebes e púrpura

Os arqueólogos localizan restos da Idade do Ferro por baixo das factorías romanas

Os arqueólogos localizan restos da Idade do Ferro por baixo das factorías romanas
A intervención arqueolóxica. Foto: Universidade de Vigo
A intervención arqueolóxica realizada a semana pasada na illa de Ons permitiu a recuperación de numerosa información sobre as factorías romanas. "Constatouse que os restos arqueolóxicos se estenden ao longo duns 150 metros desde o comezo da praia e que se perderon pola erosión mariña uns 10 metros da fronte do xacemento, que fan que boa parte estea hoxe perdido", sinalou Adolfo Fernández, director da intervención e arqueólogo do grupo de investigación GEAAT da Universidade de Vigo. O equipo constatou a existencia da factoría de peixe romana, pero tamén outra nova ao norte da xa coñpecida, na que se documentou un pequeno depósito feito con morteiro de cal e cuarzo "que puido servir para fabricar tintura púrpura xa que se atopou un cuncheiro de múrices ao seu carón". Os múrices era o molusco empregado para facer estes cobizados tintes en época romana. "Podería tratarse dunha fábrica que producise peixe salgado, prebes e tamén púrpura para a súa exportación”, sinalan os investigadores.

Pero un dos descubrimentos máis chamativos foi a existencia de estruturas previas ás factorías romanas nunha das sondaxes. "Está datada entre finais do século I antes de Cristo e os inicios do século I despois de Cristo e trátase dun achado importante xa que demostra que os poboadores do castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, tamén edificaron estruturas ao carón da praia posiblemente como apoio das tarefas de explotación dos recursos mariños. De feito, puidemos constatar a continuidade destas estruturas no propio cantil, por baixo dos patios da fábricas de salga”. A existencia de estruturas fóra dos castros é un dos ámbitos menos coñecidos da Idade do Ferro en Galicia. Precisamente noutro castro litoral, Neixón Pequeno (Boiro, A Coruña) foran localizados en 2010 unhas estruturas por fóra do castro interpretadas polo arqueólogo Andrés Bonilla, responsable da intervención, como "posibles secadoiros de peixe".