A estadounidense Kathleen March é a tradutora seleccionada na Iª Bolsa en Residencia Xacobeo

Durante a súa estadía na Coruña fará a tradución ao inglés de dúas obras das escritoras Marica Campo e Emma Pedreira

Durante a súa estadía na Coruña fará a tradución ao inglés de dúas obras das escritoras Marica Campo e Emma Pedreira
Kathleen March Fonte: Consellería de Cultura, Educación e Universidade
A profesora emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March, vén de obter a Iª Bolsa en Residencia Xacobeo, a primeira axuda en formato residencia para tradutores/as de literatura galega convocada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Residencia 1863 da Coruña que naceu este ano para impulsar ao sector da tradución e contribuír á proxección exterior da literatura galega. Ao abeiro da bolsa, a investigadora realizará o seu traballo durante o vindeiro mes de maio na Coruña e traballará sobre dúas obras en prosa das escritoras Marica Campo e Emma Pedreira. En concreto, March planea traducir Confusión e morte de María Balteira e Bibliópatas e Fobólogos (2017) para alén de desenvolver actividades que podan atraer outros tradutores/as de lingua inglesa a empregar temas galegos no seu labor. Doutora en Español e Creatividade e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine, March vén realizando unha dilatada contribución ao estudo da escrita e cultura de Galicia. É tamén experta en Rosalía de Castro, editora e tradutora dun altísimo número de pezas literarias galegas para o inglés, e premio da Cultura Galega en Proxección Exterior en 2015.

A I Residencia Xacobeo enmárcase no traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar os profesionais. Consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 fornecen ao beneficiario/a da viaxe, dietas e un espazo en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de maio. A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas. Porque o beneficiario, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo durante o tempo de residencia.

Convocatoria de axudas á tradución
Xustamente hoxe a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria das axudas para a tradución de libros, unha liña que reúne as dedicadas tanto á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O departamento de cultura autonómico mantén o crédito orzamentario de 200.000 euros destas subvencións, unha contía invariable desde o ano 2013. Habitualmente o groso das subvencións recae nos proxectos de tradución ao galego de obras de outras linguas, incrementando así o corpus de literatura universal dispoñible no noso idioma e recaendo maioritariamente en editoriais galegas, resultando nun apoio á industria do libro galega.