As subvencións á creación escénica diríxense a estreas entre abril deste ano e marzo do 2022

Agadic modifica as bases aumentando ou incluíndo valoracións sobre os textos e elencos para as adxudicacións

A nova convocatoria de subvencións á creación escénica da Axencia Galega de Industrias Culturais para o ano 2021 ven de ser publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. As bases das axudas están dirixidas a producións que teñan prevista a súa estrea a partires do 1 de abril deste ano, toda vez que as axudas do ano pasado tiveron que modificarse e prorrogaron a súa marxe de estrea ata o 15 de maio de 2021 para non ter que excluír adxudicacións ante a imposibilidade de estreas durante longos períodos de restricións. Este ano contémplase xa de partida o apoio a estreas ata o vindeiro 31 de marzo de 2022. A partida orzamentaria asignada mantense nos 800.000 euros, coma en 2020, cando subiron un 23% respecto ao ano anterior.

Coma novidades nas bases, este ano engádense ou auméntanse a valoración de características da produción á hora de valorar as solicitudes. O uso dunha obra orixinal de autor ou autores galegos vivos aumenta nun punto respecto á convocatoria anterior e inclúense diferentes baremos para engadir puntuación en virtude do uso de textos premiados: as compañías que presenten para a súa produción textos premiados pola Agadic, non estreados con anterioridade, recibirán 9 puntos. En caso de que o texto percibise outro premio, recibirán dous puntos. Tamén engádese este ano unha valoración suplementaria sobre o elenco , con ata sete puntos posibles (1 punto por intérprete) en canto aos traballadores en escena que haxa na produción. O pasado ano as bases da convocatoria foron protestadas pola asociación Academia Galega de Teatro a desaparición dun apartado de valoración obxectiva do equipo artístico, no que antes se tiñan en conta as titulacións oficiais relacionadas coas artes dramáticas e musicais, os premios recibidos e a traxectoria profesional de todos os axentes creativos que tomaban parte na produción. Actualmente esa valoración só existe no caso da dirección artística.