Evaristo Calvo sitúa en contexto pandémico a importancia da arte teatral e dos intérpretes

O actor asina o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galicia

O actor asina o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galicia
Evaristo Calvo na gala dos María Casares de 2012. Foto: Corsino / AAAG
O intérprete Evaristo Calvo (A Coruña, 1961) asina neste 2021 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que cada ano promove para o 27 de marzo a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O actor reivindica a escena "como unha arte inmortal" e os/as intérpretes que soben ás táboas en cada función como "órgano vital" do sector escénico. "As intérpretes somos un órgano vital no corpo desta arte inmortal. O teatro non vai morrer, pero hoxe sofre cando este órgano adoece de fame e medo", advirte Calvo, ao respecto da situación que atravesan os/as profesionais deste oficio por mor da pandemia, nun texto que tamén pon o horizonte no futuro. "Posiblemente, este será outro ano cunha realidade semellante a un mal soño, pero cando acordemos, o Teatro seguirá aí", sentencia un Evaristo Calvo que non dubida en sinalar que "volveremos celebrar que o teatro existe e con el, existimos nós".

A Xunta Directiva da AAAG escolleu a Evaristo Calvo neste 2021 pola súa longa traxectoria na escena, pero tamén por ser o presidente da AAAG durante a preparación e a celebración dos primeiros Premios María Casares que, neste anómalo 2021, chegarán á súa 25ª edición, para a que aínda non teñen data concretada ante as incertezas das restricións sanitarias. Xustamente, no Manifesto faise referencia aos efectos da pandemia sobre o teatro, un sector fortemente golpeado pola situación actual. "Celebramos o Día Mundial do Teatro cun contexto presuntamente provisorio no que está restrinxida a razón de existencia do teatro, que é a congregación, o encontro en lugar e tempo das persoas que toman parte do fenómeno artístico teatral", reflexiona Calvo antes de engadir que "esta peste imprevista vén a sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociable do noso oficio: o desemprego e a baixa consideración social dos/das artistas". O autor do Manifesto inclúe, ademais, a súa propia experiencia ao sinalar que "este intérprete, dun tempo a esta parte, sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores" con "rostros illados, distantes, inexpresivos".

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2021 por Evaristo Calvo.