A Xunta cuantifica en 24 millóns anuais o retorno económico da Cidade da Cultura

Un estudo da Deusto Business School considera que cada euro investido no complexo xera 1,85

| Santiago. Redacción | Seccións: Cidade da Cultura
Compartir:

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaba este 22 de marzo as conclusións do estudo que a Deusto Business School realizou sobre o impacto económico da Cidade da Cultura na sociedade. Segundo Rodríguez, a análise empregou por vez primeira sobre o complexo unha metodoloxía de contabilidade social que "traduce a cifras o valor que unha organización crea na súa contorna, no que respecta a variables que, por non teren un prezo, non se reflicten na contabilidade tradicional".

A partir dos datos de 2019, o estudo estima que o complexo do Gaiás achega cada ano 24,39 millóns de euros á sociedade, un retorno de 1,85 euros por cada euro que se investiu desde as contas públicas. Segundo explica a Xunta, "colectivos do sector cultural, sector educativo, persoas usuarias e visitantes, institucións públicas, colectivos residentes, provedores de servizos, sector turístico ou traballadores" reciben valor do complexo. Deste xeito, considérase unha achega pública de 13.1 millóns públicos durante este ano.

A análise conta achegas do Gaiás como "o espazo de estudo e investigación que supón a Biblioteca de Galicia, a programación expositiva e de eventos culturais que ofrece o complexo, a oferta de ocio e lecer dos espazos naturais ou os espazos de viveiro empresarial do Centro de Emprendemento", que cuantifica en 9,2 millóns de euros. A estes suma outros 15,19 millóns de euros de valor de mercado xerado "a través da venda de entradas, contratos a artistas e provedores, pago de impostos, aluguer de espazos, etc". En 2019 a Cidade da Cultura recibiu un investimento directo de 1,5 millóns de euros da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral de Universidades. A estes engadíronse outros fondos públicos como os 800.000 euros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que sumados a ingresos de explotación ata chegar a algo máis de 14 millóns de euros.

Segundo adiantou Rodríguez, é intención do seu departamento desenvolver este tipo de metodoloxía, a asegurar que "non estamos ante unha investigación puntual, senón fronte á implementación dun novo modelo de xestión que nos permitirá seguir a evolución nos vindeiros anos".

Que che parece esta nova?
38 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Román Rodríguez, Gaiás, Consellería de Cultura, Biblioteca de Galicia...