O MARCO volve ser motivo de protestas da comunidade cultural

O manifesto 'O clientelismo como unha das Belas Artes' denuncia un sistema de malas prácticas endogámicas entre varias institucións

As augas semellaban baixar máis calmadas para o MARCO de Vigo de un tempo a esta parte tras dos turbulentos episodios dos dous anos que estivo o museo sen dirección entre a marcha de Iñaki Martínez Antelo e a chegada de Miguel Fernández-Cid en marzo de 2019. Desde aquela, e cunha longa parada obrigada polas restricións sanitarias, as voces que reclamaban contra a xestión que se estaba a levar a cabo por parte do Concello de Vigo no museo vigués semellaban estar á espera de comprobar os camiños que se tomarían na institución. A recente presentación da programación da nova tempada expositiva, que comeza o vindeiro día 26 de marzo coa mostra "4 PROXECTOS", parece que resultou catalizadora da redacción dun manifesto asinado por máis de sesenta nomes, moitos deles do mundo das artes plásticas e da cultura, pero tamén profesores e todo tipo de persoas da sociedade civil. O xornal La Voz de Galicia na súa edición local viguesa facíase eco deste manifesto titulado «O clientelismo como unha das Belas Artes».

No devandito documento afírmase a existencia dun sistema de malas prácticas no eido da política cultural, que inclúen falta de transparencia, clientelismos, tráfico de influenzas e relacións endogámicas entre institucións, en concreto o propio MARCO, a Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultural Galega. Os asinantes ven confirmadas esas malas prácticas nos nomes presentados dentro das exposicións previstas nesta nova tempada en virtude da pertenza común dalgún deles e o propio director do MARCO a cargos ou participación nestas institucións. Ata tal punto no manifesto ven claros estes problemas que consideran que a propia designación de Fernández-Cid está en entredito por estes motivos, en función desta programación. As persoas que apoian este manifesto coidan por medio del que as administracións "deberan incluír formas de participación e representación da comunidade artística nas decisións sobre políticas culturais, algo que vimos reclamando dende hai xa mais de dúas décadas". Na lista de asinantes hai nomes ben recoñecidos do nosos sistema cultural e artístico, coma Manuel Forcadela, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ánxel Huete, Marco Maril, Xosé Manuel Outeiriño, María Marco Covelo, Alejandra Pombo, Anxo Rabuñal, Víctor Vaqueiro, Xelís de Toro ou Sara Coleman, entre outros.

Nas últimas horas, e a través do mesmo medio de comunicación, o concelleiro de Cultura de Vigo, saía ao paso deste manifesto desacreditando a lexitimidade dos asinantes para decidir na política cultural da cidade, tanto aos que son cidadáns dela coma a aqueles asinantes de outras vilas. Ao mesmo tempo defendía todo o proceso que levou á elección de Fernández-Cid e daba o seu apoio e o do alcalde, Abel Caballero, ás liñas de programación presentadas polo director ante o Padroado do MARCO. Dentro das que está esta tempada de exposicións criticada.