Cultura anuncia a intención de mudar o CGAI en Filmoteca de Galicia

Abrirá o proceso para cubrir a súa dirección e reforzará as súas funcións arquivísticas

Sede do CGAI en A Coruña
Sede do CGAI en A Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, da Xunta de Galicia anunciou hoxe que converterá o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na nova Filmoteca de Galicia. Este anuncio tivo lugar no marco do trixésimo aniversario da institución desde a súa apertura o 15 de marzo de 1991. O cambio de denominación implicará tamén reforzar as súas funcións arquivísticas, de recuperación e dixitalización de fondos fílmicos, en liña coas principais estruturas análogas do resto do Estado e de nivel internacional, coas que vén colaborando.

Obxecto de reiteradas protestas durante anos
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) entrará a formar parte da estrutura orgánica de audiovisual da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC)-xa era dependente dela tras un breve paso por Presidencia durante o bipartito- coa reforma dos estatutos desta axencia gobernamental presentados o pasado ano. Este cambio veu acompañado de varias protestas desde o sector audiovisual ante o feito da ausencia de dirección do CGAI desde a xubilación a mediados de 2019 de Guillermo Escrigas. Este mesmo sábado, 13 de marzo, publicábase no blog sobre cultura fílmica Acto de primavera un artigo asinado polo crítico Martin Pawley e o cineasta Xurxo González sinalando o estado "hibernación" e a carencia de recursos humanos e orzamentarios do centro desde 2013 para cump,lir axeitadamente ás súas funcións e o seu papel coma filmoteca. A protesta non é novidosa e xa en 2016 varias asociacións profesionais vinculadas ao mundo do audiovisual emitiron un comunicado denunciando a "falta de recursos e de persoal" do CGAI. Os subscritores daquela foron a Asociación de Actrices e Actores de Galicia, a Asociación de Guionistas de Galicia, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual e a Asociación Galega de Produtores Independentes.

Avanzou o conselleiro que, de xeito inminente tras a próxima aprobación do Estatuto da AGADIC, se abrirá o mecanismo para a dotación do posto de dirección e se integrará oficialmente na estrutura da axencia, un proceso que busca reforzar a capacidade da AGADIC na súa actividade de apoio ao sector. Segundo o anuncio feito hoxe a filmoteca autonómica vai asumir tarefas de mellora e acondicionamento das súas instalacións que incluirá, entre outras, a renovación da insonorización e a cabina de proxección. O titular de Cultura do Goberno galego subliñou o papel do centro como "custodio do patrimonio audiovisual galego, garante da súa conservación e cómplice da súa difusión" que neste tempo soubo combinar a conservación e recuperación fílmica galega coa proxección de películas. Neste sentido, salientou as máis de 350.000 pezas audiovisuais que conseguiu recompilar, onde se inclúen máis de 3.300 títulos cinematográficos en celuloide, dos que máis de 1.100 son galegos; 11.000 títulos videográficos, 9.000 deles galegos; 250.000 fotografías e 10.900 carteis, así como 11.000 libros especializados, 6.000 publicacións ou 9.500 títulos en DVD, Blu-ray e VHS.