
A figura da escritora é tamén unha das protagonistas da exposición 'Conquistadoras' que o concello de Redondela ofrece na Alameda de Castelao desta localidade con paneis representando a 60 mulleres "que exemplifican a importancia da participación da muller na sociedade" e nas que hai mulleres que forman parte da Historia xunto a outras que a están a facer agor mesmo. Emilia Pardo-Bazán comparte neste caso protagonismo con outras mulleres galegas claves na historia coma Rosalía de Castro; María Pita; María Castaña; Maruxa Mallo; Olimpia Valencia; María Casares; María Luz Morales ou Irene González, quen foi a primeira porteira de fútbol nun equipo de homes. En 'Conquistadoras' inclúense mulleres que colaboraron na loita democrática contra o franquismo, coma María Araújo, ou na resistencia contra os nazis, coma Placeres Castellanos. Mulleres coma Pepa Noia, cofundadora da Madres de la Plaza de Mayo, ou a editora María Miramontes na importante editorial Nós, quen se exiliou en América tras o asasinato do seu compañeiro Ánxel Casal. A exposición inclúe tamén os rostros de veciñas de Rendondela como Paulina Sánchez, Ernestina Otero, Rita Regojo, Rita Otero e mulleres dos nosos días coma Cristina Codesido (xerente dos vermús Petroni), a atleta Ana Peleteiro, que vén de gañar o campionato de España, a directora de cine, natural de Cesantes, Diana Toucedo, a músico Sés, a muralista Lula Goce, e a periodista Julia Otero. A exposición, que colle o nome da letra da canción Matriarcas, de Guadi Galego, estará todo o mes neste lugar para logo ir a outras zonas do concello.