As Irmandades da Fala institucionalizaron o Día de Galicia en 1920

O tránsito dos Días

Hoxe en día, ninguén discute o 25 de xullo como Día de Galicia, pero non sempre foi así. A data, punto de chegada das tradicións relixiosas xacobeas e da cultura política do galeguismo, foi discutida hai xa máis de 75 anos polos pais do galeguismo. Coñece neste artigo como foi o proceso de institucionalización do Día de Galicia.

En 1917 creábase na Coruña a primeira Irmandade da Fala. Unhas corenta persoas, entre as que figuraban algúns dos principais activistas do galeguismo de principios de século, xúntanse nos locais da Real Academia Galega. Antón Villar Ponte é escollido “Primeiro Conselleiro”. A partir dese momento, en diferentes vilas e cidades de Galicia, pequenos grupos constitúen outras Irmandades da Fala locais. “Este tipo de organización”, indican Xusto Beramendi e Xosé Manoel Núñez Seixas no seu libro “O nacionalismo galego”, “é máis propia dunha rede de clubes que dun partido político”. Aínda que sen aparentes obxectivos políticos, as novas Irmandades desenvolverán un intenso labor identitario, de creación de símbolos nacionais e de promoción da lingua. Un deles será a institución dun día oficial. Decídese escoller o día da festa maior de Santiago Apóstolo, dotando de contido laico unha festa civil. É o ano 1920. A cuestión, para as Irmandades, era aproveitar a forza dos símbolos do culto xacobeo. Nun boletín mensual da organización no ano 1922 afírmase: ”Foi escollida esta Data non pol-a súa sinificación relixiosa –pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional- senón pol-á sinificación mítica e simbólica”.



Así temos un primeiro día de Galicia, celebrado os vintecinco de xullo. Ao principio a celebración é modesta, e búscase sobre todo a promoción dos símbolos nacionais –a bandeira, o himno, o escudo– e en aparencia non existe polémica sobre a data. A súa oficialización non foi doada: a penas botaba a andar e xa ficou moi truncado coa chegada do xeneral Primo de Rivera ao poder en España, a instauración da dictadura e a prohibición de símbolos “perigosos” e “separatistas” como a bandeira. En 1925 as actividades de propaganda ficaran moi limitadas e “A Nosa Terra” denuncia que a súa celebración consistira unicamente na interpretación de música galega nalgúns cafés da Coruña, números extraordinarios nos xornais con algún artigo en galego e unha cea de confraternidade dos membros das Irmandades.



17 vs 25

E, ademais, acábase de marear a perdiz coa carga simbólica que diferentes políticos pasean sobre a sombra de Santiago Apóstolo. En 1924 o xeneral Primo de Rivera fora designado Delegado Rexio para a tradicional ofrenda do Apóstolo e fixera en Santiago unha auténtica apoloxía do Santiago como símbolo de España como nación. A confusión de identidades, metáforas e ideas políticas xerou un movemento reactivo contra o 25 de xullo, e algúns grupos galeguistas solicitaron a busca dunha data máis “civil”. En 1925, a Federación de Sociedades Galegas e a Sociedade Pondal –ambas as dúas dende a emigración en Sudamérica– propoñen o 17 de decembro como alternativa. As bases da data: a execución na praza da catedral de Mondoñedo do Mariscal Pardo de Cela a cargo das tropas dos Reis Católicos no ano 1483. Nun documento que circula pola asemblea figura a seguinte motivo: “por non compartir a opinión de que o Día de Galicia coincida con unha festa relixiosa”.




O debate semella anunciar as dificultades polas que pasará o nacionalismo galego durante a década dos 30, entre laicos e relixiosos, entre a dereita e a esquerda. Vicente Risco, o intelectual ourensán, escribe no boletín das Irmandades un artigo en defensa do 25 de xullo titulado: “Mística disertación na que se decrara o simbolismo i espiritual sinificación que ten a vida groriosa do Santo Apóstol Sant’Yago así como a festa que hoxe celebra a Nazón galega”. Nel, Risco fai un panexírico da escolla do Día de Santiago e sintetiza os motivos defendidos pola póla máis “católica” dos galeguistas de aquela.




Ata 1930, sobre todo a partir da Segunda República, a celebración non recuperará a forza dos seus primeiros anos. Antón Villar Ponte proporá entón a creación dunha “Diada”, un programa anual de actos de exaltación da lingua propia que será o xermolo do posterior Día das Letras Galegas. A inspiración será a Diada catalana. A celebración do Día estivo prohibida durante o franquismo e non será ata o ano 68 cando a Unión do Povo Galego (UPG) convoque para esa data o “Día Nacional Popular”, que poucos anos despois sería retomado como “Día da Patria Galega”. Son tempos de represión, de manifestacións de último momento, das cargas policiais do tardofranquismo.




Nos primeiros anos da instauración da democracia, cada partido denominaría de xeito distinto o Día de Galicia. Dende o ano 1990, a Xunta de Galicia celebra ese día os seus actos institucionais e a cidade de Santiago segue a ser o máis relevante punto de encontro para as diferentes olladas sobre a nación.