O Plan Estratéxico da Paisaxe Galega contará cun investimento de 40 millóns

A iniciativa que aprobou a Xunta prevé un plan para o control e eliminación do feísmo

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

O Consello da Xunta aprobaba este 4 de marzo o Plan Estratéxico da Paisaxe Galega que guiará a acción do goberno neste eido ata 2024. A nova estratexia nace "para potenciar o valor ambiental e cultural da paisaxe, así como o seu papel como elemento integrador do territorio galego" e continúa as liñas da Estratexia da Paisaxe Galega que estivo en vigor durante os últimos catro anos. O plan estará acompañado dun orzamento de 40 millóns de euros para "incidir na calidade das paisaxes de Galicia, desde as contornas residenciais -nas que viven a maioría dos galegos- ata os espazos naturais máis senlleiros, pasando polas paisaxes agrarias e litorais".

Con estes fondos preténdese "executar unha metodoloxía de traballo para o seguimento do estado das paisaxes de Galicia; desenvolver e actualizar os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; realizar accións concretas de protección, potenciación e mellora das paisaxes, avanzar na concertación e colaboración interadministrativa en materia de paisaxe; e formar, sensibilizar e educar" nestas cuestións.

Entre as propostas máis concretas adiantadas pola Xunta está "un plan para control e eliminación do feísmo en Galicia" que achegará "axudas a particulares e entidades locais para a eliminación e corrección de impactos paisaxísticos", previstas para este mesmo ano. Ademais, potenciarase o distintivo Bandeira Verde para concellos que desenvolvan un especial esforzo a prol da protección paisaxística e da sustentabilidade.

A Xunta adianta tamén accións de mellora de contornas urbanas no marco desta estratexia, e o desenvolvemento de rutas como a Senda Litoral de Galicia. Ademais, no marco das celebracións do Xacobeo, anúnciase a celebración do I Congreso sobre a Paisaxe de Galicia.

Que che parece esta nova?
54 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Paisaxe, Xacobeo, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)