Zumaque preséntase por todo o alto Silván

O trío compostelán explora novas sonoridades para ritmos tradicionais no seu álbum de debut

Ter situado o seu primeiro traballo, Silván, como candidato en todas as categorías dos Premios Opinión de Música Folk amosa o potencial da banda compostelá Zumaque. O trío formado pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o contrabaixista Alfonso Calvo e o clarinetista Pablo Pascual, explora novas sonoridades para os ritmos tradicionais no seu álbum de debut. Instrumentos pouco convencionais como son a harpa, o clarinete baixo e o contrabaixo, achegan toques de jazz ás catorce pezas do disco, que lanzaron no final de 2020 e que están a presentar por todo o país.

O grupo propón "un percorrido renovado polos diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación. O trío busca poñer en valor e dinamizar estruturas e harmonías da música tradicional, cunha tímbrica novidosa e uns arranxos coidados".

Baixo a etiqueta de Producciones Efímeras e gravado nos estudios Beograd, Silván mestura composicións de Pascual con arrnaxos de pezas tradicionais, e integra colaboracións de Diego Galaz, Germán Diaz, Jaime Muñoz, Pedro Hiroshi e Pedro Pascual.



Ligazóns