A Universidade de Vigo homenaxea a Cunqueiro cunhas xornadas

A iniciativa fai parte das conmemoracións polos 40 anos do pasamento do autor

Este 28 de febreiro conmemorábanse os 40 anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro. O Concello de Mondoñedo organizou unha xornada de homenaxe con ofrendas florais, unha lectura continuada da obra El año del cometa e o nomeamento de Rexina Vega como Cunqueiriana de Honra. As lembranzas, no entanto, continúan ao longo desta semana, e a Universidade de Vigo celebra entre os días 2 e 5 as xornadas Cunqueiro XL.

O programa deste encontro inclúe múltiples relatorios sobre o autor a cargo de Xosé Luís Méndez Ferrín, Iago Castro Buerguer, César Morán, Armando Requeixo ou Xosé María Álvarez Cáccamo entre outros. Ademais, estrearase un documental de Manuel Forcadela e presentarase unha escolma de poesía traducida por Cunqueiro. A Universidade convoca ademais o certame Concita Cunqueiro, no que anima a enviar citas das obras do mindoniense. Os actos poderán seguirse en liña no web da Universidade.