Combarro acolle o V Encontro de Embarcacións Tradicionais

De remo e de vela

As augas da Ría de Pontevedra veranse unha vez máis surcadas por embarcacións feitas a man e impulsadas mediante remos ou pola forza do vento. O V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia reunirá na vila de Combarro embarcacións dos máis diversos tipos que só comparten a característica de estar construídas seguindo as tradicións dos seus lugares de orixe. Lugares tan dispares coma Irlanda, Bretaña ou diferentes viilas de Galicia e Portugal, estarán representadas entre o 23 e o 26 deste mes en Combarro e visitarán Vigo o día 27.

Desde Bretaña a Combarro...


O encontro que organiza bianualmente a Federación Galega Pola Cultura Marítima conta nesta súa quinta edición con convidados especiais. Tres barcos feitos de coiro do tipo empregado no século VI chegan desde Irlanda, Bretaña e Euskadi seguindo as rutas empregadas na primeira Idade Media ata Galicia. O buque irlandés, fletado pola asociación Cuaseway Coast Maritime Heritage Group, virá acompañado do bretón do grupo Aux Marches du Cranou logo de percorrer dous mil quilómetros de costa durante os que atoparon os bascos da asociación Albaola. A viaxe, organizada baixo o nome de Proxecto San Efflam, inclúe o transporte ata Galicia dunha pedra tallada nos países de orixe da expedición e que ficará na Escola de Canteiros Poio. Esta pedra pretende simbolizar os nexos que mativeron estas culturas a través do Atlántico durante moitos anos. Estas embarcacións xa visitaron en pasadas datas outros portos galegos.












Portos de preto


Máis achegados xeográfica e mesmo temporalmente, o peirao de Combarro recibirá tamén catraias de Esposende e Viana do Castelo, gamelas da Guarda e de Coruxo, dornas e bucetas das Rías Baixas, lanchas xeiteiras da Ría de Muros e Noia, botes con vela latina de Ferrol e ribadea, traíñas bascas, llauts cataláns e os xa mentados currachs de Irlanda, Bretaña e Euskadi. Coincidindo con este encontro, o Concello de Poio acollerá todo tipo de actividades relacionadas coa cultura do mar. Así poderán verse exposicións, conferencias, coloquios e obradoiros náuticos sobre construcción, manexo e navegación. Ademais, as rúas estarán animadas con diferentes pasarúas e concertos. Este econtro coincide coa celebración da I Festa do mar no Concello de Poio.








Ó mar de Vigo

Só un día despois de deixar Combarro, todas as embarcacións participantes no encontro achegaranse ata Vigo, onde está prevista a súa chegada para as seis e media da tarde. Nesta cidade estarán durante outros tres días, durante os que se poderán ver exposicións coma "O patrimonio marítimo de Galicia", "Itinerarios celtas: Os monxes navegantes" ou "O mar de Vigo" todo isto no local de A Laxe. O día vinteoito ralizarase unha travesía ata a praia do Vao onde as embarcacións serán recibidas por un gaiteiro bretón e outro galego.