A AELG propón achegarse a Rosalía de Castro desde a música nos centros educativos

A escritora Anna R. Figueiredo asina o manifesto do Día de Rosalía 2021

cartaz da AELG para o Día de Rosalía 2021
cartaz da AELG para o Día de Rosalía 2021
Un ano máis, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra neste mes de febreiro o Día de Rosalía de Castro, consignado no 24 de febreiro, data do seu nacemento. O manifesto da asociación para esta efeméride ven este ano asinado pola escritora Anna R. Figueiredo e nel imaxina unha Rosalía presente que ante a situación actual sería quen de dar voz ao sentir da Galicia: "Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema". Ademais a AELG propón para esa data á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, e o sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela un acto central de celebración.

Alén disto a AELG promove para o 24 de febreiro outras accións cara ao sector educativo enfocadas cara a tratar de unir a idea da música na literatura, a música en Rosalía e a reinvención da nosa tradición lírica-poética-musical en torno á figura senlleira da poeta. "Neste ano, tendo en conta a situación sanitaria correspondente e tamén os ánimos que aniñan nas aulas, reivindicamos a idea de Rosalía de Castro desde a música", explica a AELG. A proposta realízase en base a un escenario de actuación cos centros de ensino bastante pouco habitual debido á problemática da COVID-19. A proposta didáctica para coñecer, reinterpretar e difundir a obra de Rosalía, baséase na creación dun vídeo curto apto para o consumo en redes sociais (para o alumnado de máis idade) ou para difusión no propio centro, en circuítos pechados ou cara ás familias (no caso de alumnado de menor idade), segundo sinala a asociación.