O 20 por cento das proxeccións dos festivais de cine galegos no ano pasado foron estreas mundiais

Un estudo promovido pola Coordinadora Galega de Festivais de Cinema presenta as características económicas e sociais dos eventos audiovisuais

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas CulturaisAudiovisual
Compartir:
O 20 por cento das proxeccións dos festivais de cine galegos no ano pasado foron estreas mundiais

Vinte e oito festivais, mostras ou certames de cinema de 18 localidades participaron nun estudo estatístico promovido desde a asociación Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema co obxectivo analizar e dar visibilidade á labor e impacto que os festivais de cinema veñen desenvolvendo en Galicia. Co patrocinio de AGADIC e a axuda da área de cultura da Deputación de A Coruña, o Departamento de Estatística e Investigación Operativa do Campus Vida da USC fíxose cargo da súa elaboración e os resultados da primeira fase dese estudo veñen de facerse públicos. A investigación e recollida de datos estrutúrase en dez apartados diferentes que amosa datos sobre as características dos eventos; as súas estruturas de organización; producións que programa; actividades paralelas ás proxeccións; composición de equipos; impacto económico; impacto social; fontes de financiamento; asistencia de público e importancia da sustentabilidade. As series de datos que este estudo achega dan resultados complexos marcados pola grande asimetría e diferencia de natureza entre eventos grandes e moi pequenos que entran xuntos nas series comparativas. En todo caso pódese extraer coma debuxo maioritario o feito de que o 90% son eventos urbanos e que son maioritariamente de recente creación, xa que o 60% ten menos de 10 edicións desenvolvidas. Ademais o traballo sinala que nas programacións os eventos galegos chegaron a ofrecer no 2020 un 20% de estreas mundiais, con gran presenza de produción audiovisual galega. Máis do 60% do público asisten con amigos e case un 20%, en familia. En parella e dende centros educativos son as categorías máis minoritarias.

A media de público asistente, segundo o estudo, é de 3.549 espectadores, cun máximo nun só evento de 18.401 e un mínimo noutro evento de 40 espectadores. O 25% dos festivais da mostra teñen menos de 350 espectadores. Así o estudo inclúe eventos de moi distinto volume, intencións e natureza cun denominador común: a proxección de cinema. No caso do financiamento estes extremos tamén aparecen reflectidos no documento, se ben é común a case todos os eventos un peso baixo de orzamento de fontes privadas, procedendo o groso financeiro de fontes públicas. Un 25% dos festivais teñen patrocinios económicos inferiores a 750 euros. Malia todo no 86% dos caso a organización do festival corre a cargo de estruturas privadas pero as proxeccións fanse maioritariamente (80%) en espazos de titularidade pública. Con respecto ó impacto económico dos festivais o 50% dos festivais inviste menos de 9.823 euros e o outro 50%, entre esa cifra e 150.000 euros en provedores locais ou galegos. Algunhas variables estudadas tales coma o prezo do abono, os gastos en contratación en persoal ou o orzamento total son indicadores das grandes disparidades existentes entre os festivais e certames de cinema que participan no estudo, xa que algúns son de entrada de balde e os tamaños e conceptos resultan moi dispares entre si. Máis do 60% dos 28 que participaron neste estudo son asociados a PROXECTA. A maior parte deles celébranse na provincia da Coruña e, por localidades, Santiago, Vigo e Coruña son as zonas con maior oferta cultural.

Perspectiva de xénero
A presenza feminina en diferentes variables dos eventos foi un dos puntos que contemplou este estudo. Entre o que son os quipos de organización, en menos do 30% dos festivais a porcentaxe de mulleres participantes supera a metade do equipo. No relativo ás producións a proxección neste 2020, máis do 50% dos festivais teñen a mulleres como protagonistas entre o 75 e o 100% das producións. Para a dirección, a distribución é semellante, segundo o estudo. En canto aos contidos en si mesmo das cintas seleccionadas, a meirande parte dos eventos (80%) dedicaron menos dun 25% das proxeccións a cintas cuxo tema principal fose a desigualdade e a violencia de xénero. A perspectiva de xénero está tamén presente á hora de estudar a relación de figuras convidadas dos festivais e mostras. Mentres o número máximo de homes convidados é 120, o de mulleres é 80, bastante inferior. A maioría dos convidados son actores, actrices, directores de cine e críticos de cine.

Que che parece esta nova?
56 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Os medidores de festivais

Os medidores de festivais

As avaliacións de 360 graos feitas dos festivais nos permiten unha visión en detalle de eventos moi diferentes que posúen parámetros comúns

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Natureza, Debuxo, USC...