O Museo de Pontevedra cumpre 75 anos de vida en plena fase de ampliación

Soprar 75 candeas

O Museo de Pontevedra celebra neste 2003 os 75 anos de historia. En todo este tempo pasou de ser un museo pequeno, para superar a súa vocación de provincial, e consolidarse nunha das entidades museísticas máis importantes de todo o estado. Pero o museo segue a ser un gran descoñecido. Atesoura máis de 150.000 títulos, 6000 publicacións e unhas 200.000 imaxes. Uns fondos do que botou man para montar a exposición “75 para 75” coa que celebrar o seu aniversario.

En 1923 un grupo de estudiosos pontevedreses agrupados na Sociedade Arqueolóxica, e capitaneados por Casto Sampedro e Folgar, sentan os alicerces do que sería o Museo de Pontevedra. Ligado desde a súa orixe á Deputación Provincial foi medrando ao abeiro de ser un centro encargado de atesourar xa non só os achados arqueolóxicos da provincia, senón tamén as mostras de arte galega, á par das importantes bibliotecas e fondos privados que se foron doando ao centro.



Un pouco de historia

Foi con Filgueira Valverde como director cando se superou a idea de museo-almacén, dando pé a un centro que recollese e exhibise obxectos artísticos, ademais dun centro de difusión cultural e un instituto de investigacións que se facía urxente e necesario en Galicia. Foi así como o museo de vinculou ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en 1949, e onde comezou unha nova etapa.



E este novo camiño ten dous polos, dun lado as campañas de prospección arqueolóxica e a catalogación artística de Galicia, en colaboración con varias institucións públicas e privadas (entre elas a Fundación Barrié); e, doutro, o apoio a investigadores para que poidan ter acceso aos fondos do museo. Neste sentido, o seu director, Carlos Valle ten afirmado para “La Voz de Galicia” que “quen teña que estudiar o século XIX en Galicia ten que pasar, obrigatoriamente por Pontevedra”. E non só iso; aínda que é un museo provincial, encargouse de cubrir os fondos da provincia, pero a espiral do seu interese englobou primeiro o ámbito galego, pero tamén o portugués e o mundo americano. De feito, hai pouco realizaron unha exposición sobre arte mexicana que chegou a ser referente para aquel país, pola representatividade das súas obras e da súa extensión.



Pero hai máis. O Museo de Pontevedra en toda a súa historia foi acumulando 150.000 volumes, 6000 publicación, 200.000 imaxes. E non só xa a nivel cuantitativo, senón tamén cualitativo. Alí están os procedentes da Sociedade Arqueolóxica, os legados Sampedro e Casal, o Arquivo de Mareantes, o Arquivo do Marqués de la Vega de Armijo, o da Casa de Soutomaior, os Fondos Sánchez Cantón e Odriozola, o legado de Osorio Taffall, a biblioteca e documentos de Filgueira Valverde




75 para 75

E recorreuse a todos eses fondos para montar a mostra “75 para 75” que está aberta ao público desde o venres da semana pasada. Unha exposición que é a punta dun iceberg e á vez un gancho para mostrarlle á xente toda a bagaxe documental que ten o museo.



A mostra estructúrase en varios apartados, de forma que permite seguir a secuencia da historia das distintas sedes desde o ano 1927. A primeira parte consta de material documental e fotográfico sobre a creación da entidade a partir do proxecto de varios membros da Sociedade Arqueolóxico e a súa evolución ao longo do tempo. A segunda parte recolle en 75 obras a arte desde a prehistoria ata a vangarda. Unha mostra en que non faltan Castelao, Manuel Torres, Arturo Souto, Ramón Casal, Laxeiro, Colmeiro, Eiroa, Asorey, Manuel Moldes...



O punto e final da mostra é a maqueta da próxima reforma que se vai realizar no Antigo Fogar provincial, símbolo da proxección do museo logo de case un século de historia. Entre as celebracións previstas tamén está previsto un ciclo de conferencias que analizará a historia e o momento actual do museo. Unhas charlas que aínda non teñen data fixa, pero que están previstas para o último trimestre do ano.



Seis partes do todo

Cando falamos do Museo de Pontevedra, falamos dun único museo pero con seis sedes espalladas por toda a zona histórico-monumental de Pontevedra. Abriu as súas portas por primeira vez no edificio Castro Monteagudo, que agora é un dos seis centros (García Flórez, as Ruínas de Santo Domingo, o edificio Sarmiento, o edificio Rianxo e o sexto chegará no 2006 coa rehabilitación do edificio do Antigo Fogar). A que foi a sede orixinal hoxe en día alberga a colección de arte español e estranxeiro ata Goya. O García Flórez está ligado á Historia Naval do Museo Provincial e á historia da cidade; As ruínas de Santo Domingo sufrirán este ano obras de conservación e consolidación da súa estructural; o edificio Rianxo, que se acaba de inaugurar este ano logo da súa rehabilitación, é o acubillo das bibliotecas e das salas de investigadores. O que será o sexto edificio, o edificio do Antigo Fogar, converterase na futura sede do Museo. Pero isto será para o 2006, que é a data prevista para a finalización da segunda fase da ampliación (que ten un custo de 18 millóns, dos que o Goberno financiará 8.8, a Xunta 1.8 e o resto a Deputación). A anterior fase, que afectou aos tres edificios da rúa Pasantería, foi de 1.2 millóns, e a Xunta achegou 480.000 euros, a Deputación 722.2000 e o propio museo forneceu 540.000 euros en calidade de mobiliario e informática.



Os retos

Será precisamente a informática un dos puntos que pretenden reforzar nesta nova vaga de cambios no museo. De feito, xa se está avanzando neste camiño. En breve presentarán a súa páxina web, e desde hai uns meses están a informatizar os fondos bibliográficos. De momento están metendo en bases de datos o legado de Filgueira Valverde, que abrangue case 25.000 volumes, e a pretensión da entidade é que estean informatizados para o 2006 con motivo do centenario do seu nacemento.