A AELG divulga literatura e teatro no ensino con unidades didácticas

A entidade presenta os proxectos A vila imaxinada e Escena para Todas 2020

O web da Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega incorporaba este 25 de xaneiro as primeiras publicacións dos novos proxectos divulgativos desta entidade. As iniciativas, desenvolvidas co apoio da Deputación da Coruñas, pretenden achegar a literatura e o teatro do país aos centros de ensino mediante unidades didácticas. Deste xeito, o proxecto A vila imaxinada quere "explicar a relación entre literatura e os espazos, e definir a relación entre literatura e actitudes" mediante "xeitos alternativos de aproximar a literatura ás lectoras e lectores novos, convidando o estudantado a achegarse a ela desde os espazos nos que habita a rapazada e utilizando como referencias a aspectos actuais".

María López Sández, Antonio Manuel Fraga, Andrea Barreira Freije e Roi Vidal Ponte son responsables das catro unidades didácticas co seu correspondente vídeo, xa dispoñibles no web da AELG. Rosalía de Castro, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, Palabra de bruxa e o teatro galego son os eixes sobre os que pivotan estes contidos.

En paralelo, a iniciativa Escena para Todas 2020 estréase cunha unidade didáctica de Camilo Franco sobre Eroski Paraíso de Chévere. Na mesma, o autor "explica algunhas das razóns prácticas para ser espectadoras/es activas/os a partir de tres fragmentos da obra" que se poden ver en liña.