O ILG crea unha plataforma en liña para recoller léxico

O Concello de Pontevedra reivindica o vocabulario das costureiras nunha publicación

12/1/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

Doa é o nome da plataforma que acaba de pór en marcha o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago. A iniciativa facilita a recolla en liña de formas léxicas da poboación mediante formularios aos que calquera pode facer a súa contribución. Doa fai parte do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, dedicado a documentar e mostrar a variación no léxico patrimonial actual na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Segundo explica o web de Doa "queremos rexistrar as palabras que vós utilizades. O obxectivo NON é rexistrar léxico literario ou sacado dos dicionarios", e procúrase rexistrar coa maior fidelidade posible as formas que se empregan na oralidade. As achegas das persoas participantes "pasarán a integrar o banco de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, convenientemente identificadas co nome do proxecto e o ano da recolla, e serán tamén incorporadas no recurso Patrimonio léxico da Gallaecia, que nos permitirá recoñecer as diferentes denominacións rexistradas en Galicia para un mesmo concepto".

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra acaba de pór na rede Léxico de costureiras, unha compilación que recolle termos e expresións profesionais empregadas por traballadoras deste ámbito das parroquias de Mourente, Lérez e Santa María de Xeve. Enmarcado no proxecto A memoria das mulleres esta investigación, realizada por MAOS Innovación Social, recuperou mediante xuntanzas e entrevistas denominacións de utensilios, tipos de tecidos, prácticas máis comúns e nomes das pezas que conforman as distintas prendas e que están a se perder.

Que che parece esta nova?
50 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Gallaecia, ILG, Concello de Pontevedra, Pontevedra...