Os concellos reforzan as súas programacións para completar a oferta de verán

Porque é verán

Aínda que o tempo non acompañe estamos en verán e Galicia estoupa ao ritmo dos foguetes. Pero non todo son festas gastronómicas ou ritmo de orquestras para amenizar as verbenas. O verán significa un horario máis relaxado, máis tempo libre para os que están de vacacións, e mesmo para os que non; unha mellor predisposición á hora de saír da casa e facer cousas que durante o inverno non fariamos. En culturagalega.org demos unha volta para ver que alternativas, que programas de lecer se organizan para que pasemos o tempo este verán.

Música, danza e actos culturais son os eixes principais da programación das Consellerías de Cultura e Familia para este verán. Uns programas que son, ademais, os que van rotar por toda a xeografía e que complementarán os calendarios previstos por cada concello.



Os programas xeralistas

Entre toda a oferta das Consellerías destacan dous programas (que non son festivais nin eventos cunha periodicidade determinada). Un xa é un vello coñecido na xeografía galega, como é o caso de “Galicia nos sentidos”. O programa nacera no 1997 co obxectivo de achegar a actividade cultural a toda a poboación galega. Este ano, en 160 concellos organizaranse algunhas das actividades culturais ideadas: ben concertos de música sinfónica nas catedrais, concatedrais e grandes igrexas de Galicia, ben actuacións de música folk, danza ou música clásica (no que se deu en chamar “O son da vila”); ou ben dos circuítos culturais que incluirán actividades de teatro, música e danza.



E, polo outro lado está a Consellería de Familia que, baixo o nome de “Espráiate” pretende levar a dez praias galegas e a unha do norte de Portugal, actividades destinadas a mozos de entre 12 e 30 anos. E para desenvolver este programa a Consellería instalará un parque de lecer itinerante no que se desenvolverán máis dunha ducia de actividades deportivas e de xogos sobre a area. Haberá fútbol, unha cabina de precisión de tiro a portería, un “chutómetro”, a lanzadeira, o lanzamento con barreira, un obradoiro de globoflexia e carreiras individuais. Un programa que comezou o cinco de xullo na praia de Camposancos na Guarda e que rematará o 14 de setembro na zona Fluvial de Braga, en Portugal.



Un por un

Pero ademais dos programas que o goberno galego estableceu para difundir ao seu criterio por toda Galicia, cada concello prepárase para combater o tedio, ou simplemente, para ofrecer actividades para os seus dun xeito diferente. Iso si, aínda que cada concello adopta unha postura diferente porque cada un ten as súas preferencias, a música en forma de concertos seguen a ser as actividades máis importantes. Por exemplo, Sanxenxo, un dos municipios turísticos por excelencia, multiplica a súa poboación durante o verán. E para iso programaron un calendario con concertos, teatro e cine. Debido ás perdas que lle ocasionou o de Julio Iglesias o ano pasado (uns 120.000 euros), este ano teñen previstas actuacións menos custosas e, entre os nomes que se barallan están Luar na Lubre e a cantante andaluza Tamara. Haberá tamén teatro e cine, xa non son para a localidade de Sanxenxo, senón tamén para Vilalonga, Noalla, Dorrón, Nantes e Portonovo co obxectivo de que a programación chegue a todo o mundo. Un festival de maxia, as galas de Televisión de Galicia espallados baixo a máxima “un fin de semana, un evento” durarán ata o 21 de setembro, que será cando a “XIX Concentración Mototurística das Rías Baixas” complete o programa. E se Sanxenxo multiplica a súa poboación, por unha simple cuestión de repartimento, hai outros concellos aos que lle pasa o contrario, e nestes nótase un baixón cultural. É o caso de Ourense, onde o Centro Cultural da Deputación, o Teatro Principal, ou mesmo o Museo Municipal entran nun proceso de hibernación, ou outros como a colección de trens ou o Museo Catedralicio reducen o seu horario. Hai tamén museos que pecharán en agosto, para facer reformas para comezar en setembro coas programacións para o outono.



Pero hai outros que prefiren aproveitar o verán para facer unha cultura “alternativa”, e alternativa xa non só polo tipo de eventos, senón para distanciarse dos grandes fastos que teñen un custo elevado e que as arcas municipais non poden sufragar. É o caso de Pontevedra, que este ano queda fóra das grandes citas musicais do verán, ampliando a programación gratuíta e evitando os concertos de pago. Este verán non haberá macroconcertos, nin grandes reclamos nos carteis, pero a programación terá citas como Mundoclown (que se desenvolve estes días), o ciclo de cinema, o ludoverán para os máis pequenos, a Feira do Humor, as actividades da Semana Grande, a Festa do Demo e a Feira Franca. Un criterio diferente ao seguido na Coruña, que logo do concerto dos compoñentes de Maná e da “Generación OT”, conta con nomes que están a servir hoxe en día de gran reclamo como La Oreja de Van Gogh e El Canto del Loco. Ou en Santiago e Vigo que aproveitan as súas festas grandes de verán (o Apóstolo e as festas do Cristo da Victoria), para atraer ao maior número de público posible.



E tamén hai outros concellos que fan o que poden dentro dos seus modestos orzamentos para ofrecer algo diferente. É o caso de Monforte e as súas “noites alternativas”, en que destaca o deseño de camisetas a elaboración de pancartas e obradoiros de papel reciclado. Ou Cee que centra as súas propostas na Feira do Libro, na Mostra de Teatro no concerto de José Manuel Budiño e as festas da Xunqueira, ou Tui, que dentro da súa proposta “Tui, cidade cultural” xa engloba o calendario do semestre no que haberá teatro, cine , ballet, folclore, teatro de monicreques, danza, música tradicional, sinfónica.... programacións para todos os gustos e petos que pretenden facer que este verán sexa, polo menos, máis ameno e divertido. Por se o tempo non acompaña.