A Xunta aproba hoxe a declaración de San Martiño Pinario como BIC

O decreto protexerá ata 200 bens do interior do inmoble e delimita a contorna de protección do mosteiro e outros monumentos próximos

O decreto protexerá ata 200 bens do interior do inmoble e delimita a contorna de protección do mosteiro e outros monumentos próximos
Visita do conselleiro Román Rodríguez a San Martín Pinario
O decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, o mosteiro compostelán de San Martiño Pinario aprobarase hoxe no Consello da Xunta e entrará en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Así o anunciou o titular de Cultura do Goberno galego, o conselleiro Román Rodríguez, durante unha visita ao monumento na que destacou a axilidade coa que se completou esta tramitación, un ano antes de que remate o prazo previsto pola Lei de Patrimonio Cultural. Rodríguez lembrou que San Martiño Pinario é a segunda construción relixiosa máis grande na súa tipoloxía, só por detrás do Escorial e salientou que a decisión contou cun amplo respaldo e co aval de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega.

Este expediente permitirá garantir a protección de preto de 200 bens que se atopan no interior do inmoble e que están asociados ás distintas etapas do monumento. Concretamente no decreto inclúense, entre outros, o fondo documental e bibliográfico, os bens relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central, incluída a maquinaria dedicada á imprenta, encadernación e librería, a botica, as coleccións que se atopan no mosteiro vinculadas ao patrimonio científico e técnico así como roupa litúrxica dos séculos XVI e XX, entre outras. Ademais, tamén queda delimitada a contorna de protección tanto de San Martiño Pinario como doutros monumentos xa declarados nas súas proximidades: a Catedral, a igrexa de San Francisco, o Hospital Real e a súa capela, o Pazo arcebispal de Xelmírez, a Biblioteca Pública Ánxel Casal e as sedes do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que carecían del.

Orixe vinculada ao culto do Apóstolo Santiago
As orixes do Mosteiro de San Martiño Pinario remóntanse aos primeiros anos do século X e están vinculadas ao culto do Apóstolo Santiago, destacando a custodia do Sepulcro entre os seus labores fundamentais. O primeiro elemento arquitectónico edificado no solar de Pinario foi o claustro, cunha comunidade de monxes aínda moi ligada á Igrexa de Santiago da que, paulatinamente se distanciará até chegar a conformar as novas instalacións e unha comunidade diferenciada daquela, para converterse en mosteiro bieito entre 1070 e 1080, baixo o goberno do abade Adulfo. A partires do século XII o mosteiro viviu unha época de auxe que o levou a converterse no máis rico e poderoso de Galicia, con rendas en toda a rexión e uns ingresos cuantiosos. Logo dunha fase de decadencia económica nace o mosteiro moderno de San Martiño, xurdindo da suma das tres abadías medievais estreitamente vinculadas ao culto de Santiago: Pinario, Antealtares e San Pedro de Fóra, consolidando deste xeito unha comunidade bieita, grazas ás encomendas dos Reis Católicos para garantir a atención aos peregrinos.