A Xunta e a Biblioteca Nacional organizan dúas grandes exposicións para 2021

Emilia Pardo Bazán e o Camiño de Santiago protagonizarán as mostras, que tamén chegarán a Galicia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente de Acción Cultural Española, José Andrés Torres, e mais a directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos, asinaban este 1 de decembro un convenio de colaboración para desenvolver dúas grandes mostras en 2021 na sede deste organismo en Madrid. Emilia Pardo Bazán protagonizará a primeira destas iniciativas a coincidir co seu centenario. O proxecto estará comisariado pola historiadora Isabel Burdiel, biógrafa da autora de Meirás, e compilará máis de duascentas pezas dos fondos da BNE e de varias institucións privadas. Segundo adianta a Consellería de Cultura "o obxectivo da iniciativa é mostrar a modernidade dos retos literarios, intelectuais, persoais e políticos de Pardo Bazán, así como a súa dimensión europea e transnacional". A exposición poderá verse na Coruña despois da súa inauguración en Madrid.


Pola súa banda, o filólogo Darío Villanueva, será o responsable de comisariar unha mostra dos fondos da Biblioteca Nacional vencellados ao Camiño de Santiago. Na mesma poderán verse "pezas excepcionais dos fondos da propia biblioteca, entre os que se inclúen cartografías antigas dos roteiros de peregrinación, iconografías xacobeas, carteis dos Anos Santos, o Códice Calixtino e a Historia Compostelana, guías, etc.", segundo informa a Consellería. Esta mostra itinerará a Compostela logo da súa estadía en Madrid.