O trío Caldo faise co Premio Narf de proxectos musicais

A formación leva 3.000 euros en metálico no certame da Deputación da Coruña

Momento da gala dos premios Narf. Fotografía de Cris Andina  para a Deputación da Coruña
Momento da gala dos premios Narf. Fotografía de Cris Andina para a Deputación da Coruña
Unha gala no Teatro Colón da Coruña deu a coñecer este 28 de novembro o palmarés do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais. O trío vigués Caldo impúxose no certame que convoca anualmente a Deputación da Coruña e levou os 3.000 euros de premio. O xurado destacou esta "proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas". Segundo apunta o fallo, o proxecto de Caldo pon o foco "na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo" que empregan como fío condutor dun primeiro álbum gravado ao vivo.

Ademais do trío, actuaron na gala as outras propostas finalistas do certame, Ukestra do Medio, Koroiev, Momboi e CRNDS, canda a Verto como banda convidada. O segundo posto foi para Koroiev, proxecto de electrónica do ferrolán Roberto Casteleiro que se fixo con 2.000 euros. Momboi quedou no terceiro posto, cun galardón de 1.500 euros, mentres a Ukestra do Medio, cuarta, e CRNDS, quinto clasificado, levaron cadanseus 1.000. As formacións gañadoras do primeiro e do segundo premio participarán ademais en "tres festivais ou eventos culturais de referencia do panorama galego", segundo establecen as bases. Xurxo Couto, Xiana Arias Rego, Aitana Cuétara, Marcos Payno, Belén Regueira e Marcos Rodríguez Fontenla foron os membros do comité responsable da selección.

Gala completa dos premios Narf