
Logo deste resultado, a organización da feira anunciou xa a súa intención de manter o programa en liña para a edición de 2021, prevista para os días 26, 27 e 28 de novembro, xa que "esta 13ª edición retransmitida deixou patente que a recepción dos espectáculos e eventos a través dunha pantalla é un ferramenta moi potente para romper barreiras de acceso cultural". No entanto, os responsables aseguraron que a intención é "recuperar a presenza de stands das empresas culturais e seguir sendo o punto de encontro anual do sector"
Segundo destacou Xosé Aldea, director do evento, "a retransmisión da programación para chegar a máis público vén para quedarse. O obxectivo é recuperar canto antes a parte feiral de Culturgal pero todo o sector cultural debemos entender que a retransmisión nos ofrece non só desafíos senón moitos beneficios. Á hora de mostrar proxectos, produtos ou servizos temos ante nós a posibilidade de obter máis alcance. Na Culturgal sempre botamos en falta a aquel público ao que lle costaba máis desprazarse, por exemplo é o caso de Lugo e Ourense, cunha asistencia testemuñal na historia de Culturgal. A retransmisión permítenos chegar a eses público, de feito o comprobamos nos comentarios da canle youtube que temos xente que nos saúda desde A Mariña, pero tamén desde Lisboa ou País Vasco".