
A organización deu a coñecer tamén o fallo do XIV Premio Barriga Verde de Teatro de Monicrequeres nas súas categorías de adultos e infantil, dotadas con cadanseus 6.000 euros. Esther F. Carrodeguas impúxose na primeira con República Sideral, unha "farsa esperpéntica" ambientada na declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa entre o 7 e o 8 de outubro de 1934. O texto "bota man do deostado teatro da cachaporra para propoñer unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas". Pola súa banda, Carlos Losada-Galiñáns levou o segundo dos galardóns con Pois eu!, unha proposta meteateatral na cal o autor "artella diferentes tramas que, con gran sentido rítmico, remiten desde o fantástico nos ecos da tradición artúrica, ata unha sutil sátira política". O xurado acordou deixar deserto o XI Manuel María de literatura dramática infantil.
O comité de selección estivo presidido por Fefa Noia e composto por Carmen Armesto, Carlos Biscaínho, Paula Carballeira, AveLina Pérez e Larraitz Urruzola. En total presentáronse aos certames 107 textos, dos que 50 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 22 ao Manuel María e 35 ao Barriga Verde (20 na modalidade infantil e 15 na de adultos).