As dez de Moncho Lemos

O crítico de cine selecciona para culturagalega.gal dez películas de Cineuropa que non debes perder

O crítico de cine selecciona para culturagalega.gal dez películas de Cineuropa que non debes perder
Fotograma de Nación, de Margarita Ledo.
Como cada ano, o crítico de cine Moncho Lemos selecciónanos dez xoias de Cineuropa para gozar do festival.

Nieva en Benidorm (Isabel Coixet)

A historia dun home solitario que precisa dunha caricia. Un home común que chega a Benidorm na procura do seu irmán desaparecido. Un solitario amante da meteoroloxía que logra amosarnos a poesía que agocha a capital turística por excelencia das viaxes da terceira idade.

Dúas almas xemelgas que atopan un camiño común ao mesmo tempo que Isabel Coixet logra amosarnos unha mirada distinta da cidade.

Saimos da sesión amando a parte kitsch dese Benidorm que ofrece o solitario protagonista, unha segunda oportunidade para entender como a vida pode sorprenderte, mesmo a ese rutineiro amante da meteoroloxía que terá que aprender que o tempo é previsible ata que un día estoupa a tormenta perfecta
Un filme coa imaxe de marca de Coixet pero que non renuncia a transitar por camiños inesperados, tirando de fíos distintos pero tamén complementarios nesa viaxe polo mapa dos afectos adultos entre excursións do Imserso, residentes de países nórdicos e turismo de esmorga e alcol.




Narciso en ferias (Ricardo Calil e Renato Terra)

Aviso para navegantes. Non e este un filme para todo los públicos, mesmo para os cada vez mais numerosos fans do documental. Pero si que é, como apunta o director de Cineuropa, un exercicio de cinema testemuñal privilexiado .

Narciso en ferias céntrase na lenda do Tropicalia, Caetano Veloso, e o seu arresto en 1968 pola ditadura militar de Brasil. Foron 54 días en prisión dos que Veloso lembra, sen artificios nin emotividade, episodios dolorosos pero tamén gloriosos para a música, pois na mesma cela estaba o seu amigo o músico Gilberto Gil.

Alí comezou o exilio de Caetano Veloso a Europa.

Pensamentos íntimos, emocións contadas recordando a un militar castigado por ser demasiado brando co músico e mesmo a sensación de íntima liberdade que provocaba escoitar o Hey Jude dos Beatles.
83 minutos de denuncia contra os prexuízos políticos que en algunhas ocasións voan sobre o mundo da arte.




Host (Rob Savage)

A última sensación dese subxénero que criamos xa pasado de moda: a metraxe atopada, da que tanto se botou man a finais dos 90 con títulos como O proxecto da bruxa de Blair.
HOST é unha película de terror desenvolvida totalmente en Zoom. Na súa simplicidade está a súa grandeza.

Rodada e distribuída totalmente durante o confinamento é unha obra curta, de menos dunha hora, pero pode presumir de ser a sensación esta temporada. Terror alimentado por sesións espiritistas nas que das bromas pasamos a cousas que provocan unha eficaz historia para non durmir.
Atentos que se volven confinarnos esta pode ser unha destas películas fundacionais dun novo cine de terror que pode estar de moda nas próximas tempadas.




A poeta analfabeta (Sonia Méndez)

Unha muller fascinante. Unha vida para coñecer a Luz Fandiño, poeta activista feminista e revolucionaria que baixo a mirada documental de Sonia Méndez descubre ao espectador o carácter dunha muller brava que, pese a ter problemas nas mans cun persistente tremor, non renuncia a escribir a diario.
Unha mirada poliédrica que toca a memoria histórica, a identidade cultural, a loita polos ideais pero tamén a arte como refuxio.

Un documental para descubrir unha muller única.
Toda unha clase maxistral de como vivir e pasar polo mundo cunha pegada única .Dicía o poeta que hai homes e mulleres únicos e que son os imprescindibles. Sonia Méndez descubre por que Luz Fandiño forma parte desta categoría.



Nuevo orden (Michel Franco)

Gran Premio do xurado no festival de Venecia. Dende que hai 20 años atrás descubrimos en Cineuropa Amores perros de Iñárritu, as propostas máis solventes e apetecibles de cine mexicano das últimas décadas sempre apareceron nas pantallas do Principal e do Salón Teatro. Títulos estimulantes que amosan a vitalidade dese cine azteca de autor que circula entre a casa das Flores e o imperio Televisa.
Esta é a película que foi comparada con Parásitos. Unha trama cun forte conflito de clases sociais que arranca canso unha familia de clase alta festexa unha voda e sorprendidos por unha revolta popular, chegan a temer pola súa propia vida.

Dende as influencias de títulos míticos como La naranja mecánica ata a polarización das clases sociais. Tensión e desigualdade. Un mundo inxusto e unha película notable para non quedar indiferentes.
México busca con esta película a estatuíña da Academia do Cine.




Beginning (Dea Kulumbegashvili)

A película que acaparou todo o palmarés en San Sebastián –Concha de Ouro e premios á dirección, guión e actriz- e con división de opinións. É o momento de saber se estamos diante dunha destas películas sobrevaloradas en exceso polo xurado dun certame.

Un filme de clima alucinóxeno que reúne realidade filmada e símbolos relixiosos cheos de metáforas .
Unha aposta recomendable para os que poñen en valor o uso dos planos de longa duración como elemento narrativo.

Unha opera prima única que para algúns pode ser arrogante pero que para os mais festivaleiros é un exemplo de creación autoral situada nas antípodas das modas actuais, nas que os directores están limitados a filmar pensando nas pantallas de tabletas e ordenadores



Nación (Margarita Ledo)

Margarita Ledo contou en A cicatriz Blanca unha historia de mulleres que emigraban soas dende os años 20 en Galicia. Con ese punto de partida Margarita continúa dando voz e mirada ás mulleres ignoradas pola historia.

Margarita amosa en cada película por que é un referente indispensable para entender a cultura galega actual.

Agora partindo dunha vida privada busca recoller experiencias de mulleres que teñen que ensinar os dentes.

Unha película que retrata a perda da autoestima. A desaparición dos mitos. Voces e sons que encarnan o real e o imaxinario. Unha película que busca traer o mundo fragmentos ocultos que nunca se borraron para sobrepasar a dor e o mutismo.

Cine militante da loita pola memoria e o rol feminino.



El diablo entre las piernas (Arturo Ripstein)

Sempre Arturo Ripstein en Compostela. Homenaxeado hai uns años con presencia propia polas rúas da cidade, sempre quixo voltar a Compostela. Se ben non é posible a sua presencia física, si que podemos seguir a pegada da súa recente película El diablo entre las piernas.

Un filme de estética brillante que retrata a paixón obsesiva na terceira idade. Obra persoal que pode incomodar a algúns polo seu aire misóxino, pero que no fondo o que retrata é unha paixón sexual sen medida.

Unha historia de dominación ao límite que en tempos de corrección política ata pode ser subversiva .
O demo dos celos contados en branco e negro. Unha parella destruída e con Buñuel de fondo nesta viaxe ás obsesións sen limites da vellez. A fin de contas todo está na cabeza.




Palabras para un fin del mundo (Manuel Menchón)

Un documental que cuestiona a versión oficial . Un traballo para dubidar do que ensinan os libros de Historia. Non é esaxerado dicir que estamos máis diante dunha investigación histórica que puramente dun documental.

A defenestración e confinamento domiciliario de Unamuno e a súa repentina monte en 1936.
Un documental para cuestionarse se realmente todo sucedeu tal e como contaron os libros de historia. O equipo de investigación incluso aporta unha proba ata agora inédita que sae a luz moitos décadas despois dos feitos.

Palabras para un fin del mundo quere amosar as inconsistencias do que sucedeu aquel día no que morre Unamuno e como a versión oficial está chea de inconsistencias.
Sen probas definitivas este documental permite, cando menos, poñer interrogantes na versión oficial e levar o espectador á sospeita.

En tempos de consumo de documentais do chamado "true crime" esta historia ten lagoas suficientes para investigar e dubidar do que contaron os vencedores, que son os que escriben a historia.



Ons (Alfonso Zarauza)

A clausura de Cineuropa cun compostelán de pro, Alfonso Zarauza e a estrea mundial de Ons, a súa nova película repleta de épica e rodada ata con cinco temporais nos meses de outubro e inverno o pasado amo.

Como rostro principal da película a actriz Melania Cruz, que fai un traballo que non vai pasar desapercibido.

A propia illa como personaxe nun filme de misterio pero con envoltorio autoral.
Un lugar, unha illa. Un espazo xeograficamente limitado que ten faros que fan de guía. A forza especial dunha narración chea de símbolos na maxia da illa de Ons.
Todo medra e o tema da película ten forza e intensidade. Un filme de actores onde todas as personaxes ocultan segredos.

Por que necesitamos os afectos. A necesidade de amor e seguridade emocional nun filme onde é máis importante o que non se fala, pero que condiciona vidas e respostas.